A Xunta chama á implicación da empresa e os servizos de prevención na loita contra as adiccións a alcol e drogas no eido da protección da saúde laboral

A directora xeral de Relación Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un webinario sobre a prevención do consumo del alcol e drogas nas organizacións, promovido polo Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (Issga)

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na apertura do curso sobre Prevención do consumo de alcol e as drogas nas organizacións, convocado polo Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (Issga), onde demandou a implicación das empresas na prevención e loita contra estas adiccións que teñen repercusións tamén no ámbito laboral.

 

“É importante implantar programas que preveñan os consumos, os reduzan e mesmo axuden ás persoas traballadoras con problemas de adicción, porque reportará múltiples beneficios tanto para elas como para as empresas”, indicou Mancha.

 

O webinario, realizado en colaboración con MC Mutual, fixo fincapé na repercusión que a nivel persoal, social e laboral pode ter o consumo de alcol e drogas; e na necesidade de que a empresa poida garantir, nestes casos, a seguridade nos postos de traballo.

 

Tal e como lembrou a directora xeral, a Organización Internacional do Traballo estima que entre un 15% e un 30% dos accidentes laborais están relacionados co uso indebido de substancias, que repercuten tamén no rendemento, no ambiente, no absentismo ou, nos casos máis graves, poden derivar en enfermidade, despido ou sanción.

 

Mancha defendeu a xestión na empresa baseada nun concepto amplo de saúde, centrado, neste caso, nas conductas aditivas ante as que se debe facer fronte “cunha abordaxe integral e adaptada ás necesidades de cada organización”. “O obxectivo non é perseguir ás persoas adictas, senón contribuír a mellorar as condicións de seguridade e saúde na empresa e prestarlles asesoramento e axuda”, indicou a titular de Relacións Laborais.

 

A xornada de hoxe, que forma parte da oferta formativa do Issga para 2022, contou coa participación de 120 persoas, principalmente técnicos de prevención en riscos laborais, delegados de prevención así como axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese na materia.

Imaxes relacionadas