A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, participou na inauguración do Congreso Internacional sobre a Infancia Maltratada organizado por FAPMI

Fabiola García sinala que o sistema de protección de menores da Xunta procura blindar o dereito a unha infancia feliz para todos os nenos

Destaca que o Goberno galego conta cunha sólida rede de protección á infancia que permite identificar, previr e actuar ante situacións inxustas ou prexudiciais para as nenas e nenos

Entre as iniciativas para atender a situacións conflitivas atópanse os centros de atención diúrna, o Programa de Integración Familiar, os oitos Puntos de Encontro Familiar ou programas de avaliación e tratamento terapéutico

 

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2022.- A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, participou esta mañá na inauguración do Congreso Internacional sobre a Infancia Maltratada, organizado pola Federación de Asociaciones para la Prevención del Maltrato Infantil (FAPMI), onde sinalou que o sistema de protección de menores da Xunta procura blindar o dereito a unha infancia feliz para todos os nenos.

 

A conselleira en funcións apuntou que o Goberno galego conta cunha sólida rede de protección á infancia que permite identificar, previr e actuar ante situacións inxustas ou prexudiciais para os menores de idade. Neste sentido, lembrou que un dos primeiros servizos que ofrece información sobre que facer ou como actuar ante posibles casos de maltrato infantil é o teléfono do menor —116111— detrás do que sempre hai un profesional disposto a asesorar sobre as posibles opcións.

 

Así mesmo, a Xunta conta con programas e iniciativas para atender as súas necesidades como centros de atención diúrna para ofrecer apoio socioeducativo e familiar a nenos en risco de desprotección, o Programa de Integración Familiar (PIF) que permite romper dinámicas de deterioro familiar, os oito Puntos de Encontro Familiar (PEF) que existen por toda a Comunidade para garantir un réxime de visitas seguro no caso de separacións conflitivas dos proxenitores ou programas de avaliación e tratamento terapéutico. 

 

1800 menores tutelados

Fabiola García lembrou que en Galicia existen 1800 menores tutelados pola Administración autonómica, a gran maioría en réxime de acollemento familiar. Neste sentido, sinalou que está é unha opción recomendable para garantir que os menores conten cun núcleo familiar estable que permita o seu desenvolvemento. Así mesmo, tamén destacou que existe unha excelente rede autonómica de centros de menores onde profesionais especializados converten estas instalacións en auténticos fogares para os menores.

 

O Congreso contou coa intervención de 130 poñentes entre representantes de entidades que traballan no eido da atención á infancia; profesionais do sector como académicos, xuristas, sanitarios ou profesionais docentes; e tamén do ámbito institucional como a directora xeral de Políticas de Infancia y Adolescencia do Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030, Lucía Losoviz, ou a vicepresidenta e conselleira de Mujer, Igualdad, LGTBI, Familias y Política Social da Rexión de Murcia, Isabel Franco.

Imaxes relacionadas