Román Rodríguez destaca o perfil internacional do Festival Play-Doc e o seu apoio ao audiovisual galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións participa en Tui na inauguración do evento, que desenvolverá a súa 18ª edición ata o 8 de maio

Expresa o seu recoñecemento ao traballo de todo o sector e referírese ás posibilidades de impulso que abre o Hub Audiovisual da Xunta

Tui (Pontevedra), 4 de maio de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe no Teatro Municipal de Tui no acto de inauguración do Festival Play-Doc, do que destacou a súa capacidade para achegarlle ao público as principais novidades do xénero documental no ámbito internacional, ao tempo que mantén o seu compromiso de promoción co conxunto do sector audiovisual galego.

 

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recoñeceu tamén o mérito do certame por conseguir medrar cada ano e por exercer de plataforma útil para o encontro profesional. Segundo explicou, estas son algunhas das cualidades que o sitúan como un dos 11 eventos de toda Galicia adxudicatarios das subvencións da Xunta a festivais audiovisuais, polas que percibiu este ano unha axuda de preto de 38.500 euros para a súa celebración.

 

O titular de Cultura do Goberno galego aproveitou o acto para expresar o seu recoñecemento ao traballo actual de todo o sector audiovisual do país, en particular, ao valor engadido e estratéxico que cumpren os festivais dentro do sistema. “Este tipo de citas xogan un papel necesario e esencial de difusión e dinamización cultural, ademais de turística”, engadiu.

 

Neste contexto, fixo tamén referencia a accións postas en marcha pola Xunta para contribuír ao impulso global do sector e citou concretamente o Hub Audiovisual, a través do que se dispón un investimento récord de 9,6 millóns de euros ata 2023 e do que xa se está a percibir o retorno económico. Así, por exemplo, un estudo da Universidade de Santiago sitúa este retorno en máis de 15 millóns de euros, a partir dunha inversión de 1,3 millóns para a captación de catro rodaxes no noso territorio.  

 
Inauguración con música e audiovisual galegos

A apertura oficial de Play-Doc 2022 tivo lugar despois do concerto de inauguración a cargo da banda galega NACHO · FAIA · LAR e incluíu a proxección, fóra de competición, da curtametraxe Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, que chega a Galicia despois do seu paso por varios festivais internacionais de primeira liña, entre eles o de Cannes 2021.  

 

Organizado pola Asociación Cultural Enfoques, con Sara García e Ángel Sánchez á fronte, Play-Doc ofrecerá este ano unha ampla selección da produción galega máis recente, con 14 títulos de cineastas de recoñecido prestixio internacional e tamén de novos nomes. Entre eles, os últimos traballos, en estrea oficial en Galicia, do devandito Lois Patiño (O sembrador de estrelas), Diana Toucedo (Tatuado nos ollos levamos o pouso), Carla Andrade (Ningún río me protexe de min), Andrés Goteira (Welcome to ma maison), Lucía Estévez (O niño dos paxaros), David Varela (Un ceo impasible), Nerea Barros (Memoria) ou David Vázquez (O último de Arganeo).

 

Tamén se poderán ver as fitas máis recentes de Oliver Laxe, Enar de Dios e Simone G. Saibene, así como O que queda, de Alejandro Rodríguez, e O ceo é azul cunha soa nube, de Fernando Areal, que terán en Play-Doc a súa estrea mundial.

 
Retrospectivas inéditas

A actual edición ofrecerá tamén catro retrospectivas inéditas en España de Helke Misselwitz, Danny Lyon, Richard P. Rogers e do cineasta portugués Antonio Campos, esta última en colaboración coa Filmoteca de Galicia e a Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema. Ademais, o nortamericano Bruce Weber volve elixir a cita tudense para a estrea española da súa película máis recente, The Treasure of His Youth: The Photographs of Paolo Di Paolo.

 

Como en anos anteriores, o programa presenta as competicións internacionais de longametraxes e curtas, xunto cunha nova entrega da sección Cinema Percorrido, desta volta dedicada á danza, e outra serie de actividades complementarias como mesas en liña ou un concerto especial de Niño de Elche con imaxes de Lois Patiño.