A Xunta apoia na comarca de Santiago a contratación de 47 persoas sen emprego para prevención de incendios a través do programa Aprol Rural

O delegado da Xunta informou que, nesta área, a Consellería de Emprego e Igualdade investirá máis de 660.000 euros para a contratación de desempregados para desenvolver este tipo de tarefas

A Xunta financia o 100% dos contratos que terán que estar vinculados á silvicultura, xestión de biomasa e valorización forestal ou planificación preventiva
 

Tordoia (A Coruña), 4 de maio de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o Concello de Tordoia para anunciar que a Consellería de Emprego e Igualdade financiará con máis de 660.000 euros a contratación de 47 desempregados en concellos da comarca de Santiago para que poidan levar a cabo tarefas de prevención de incendios como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, limpeza de montes e xestión de biomasa. Tordoia contará este ano con 3 desempregados para realizer este tipo de traballos grazas a un apoio da Xunta de máis de 41.000 euros.

No marco deste programa prevese a contratación de 550 persoas desempregadas en toda Galicia en 285 municipios rurais. Os apoios a percibir polas entidades locais, neste caso, van dos 13.970€ aos 20.250€ en concepto de gastos salariais segundo o grupo de cotización financiados ao 100% pola Xunta. Tiveron prioridade os concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

O obxectivo destas axudas é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

 

Aprol Rural forma parte dunha medida activa de emprego dirixida á mellora da ocupabilidade das persoas sen un posto laboral. Os traballadores e traballadoras que se contraten terán que estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

 

Con todas estas medidas a Xunta persegue mellorar a empregabilidade das persoas participantes e colaborar coas entidades locais na integración laboral de persoas vulnerables co obxectivo de dinamizar o mercado laboral galego.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural