A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu esta mañá na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia

A Xunta lembra que os dereitos concesionais no salto de Santa Uxía e nos ríos Xallas e Grande están vinculados á non segregación da actividade e ao mantemento do emprego e da actividade industrial

Teresa Gutiérrez explica que a modificación solicitada pola empresa XEAL sobre a concesión hidroeléctrica de Santa Uxía, ao igual que as concesións do río Xallas e Grande, está suxeita ao estrito cumprimento destes condicionantes

Detalla que non se ten constancia de incumprimento destas condicións impostas á empresa nas fábricas de Cee e de Dumbría

Remarca o compromiso da Xunta co estrito cumprimento da lexislación e advirte que, non ter en conta os condicionantes requiridos, suporía a extinción dos dereitos concesionais outorgados

Cómpre lembrar que para preservar os postos de traballo das fábricas implantadas na zona da Costa da Morte, a Xunta introduciu para o outorgamento da concesión a cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, lembrou hoxe que os dereitos concesionais do salto de Santa Uxía e nos ríos Xallas e Grande están vinculados á non segregación da actividade e ao mantemento do emprego e da actividade industrial.

 

A directora de Augas de Galicia, que interveu esta mañá na Comisión 6ª do Parlamento galego, explicou que a modificación solicitada pola empresa XEAL sobre a concesión hidroeléctrica de Santa Uxía xa outorgada, e que está en tramitación a día de hoxe, non implica en modo algún alteración dos condicionantes da concesión impostos desde os anos 90 en relación co cumprimento da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes.

 

Unha condición, incidiu Teresa Gutiérrez, que continúa sendo de obrigado cumprimento para a empresa e non só en relación co salto de Santa Uxía, senón tamén coas concesións outorgadas no río Xallas e Grande.

 

Teresa Gutiérrez detallou na súa intervención que non se ten constancia de incumprimento, por parte da empresa, das condicións impostas na concesión nas fábricas de Cee e Dumbría.

 

Remarcou, nesta liña, o compromiso da Xunta co estrito cumprimento da lexislación advertindo que, non ter en conta os condicionantes requiridos, suporía a extinción dos dereitos concesionais outorgados.

 

Incidiu en que o titular das concesións implantadas nos ríos Xallas e Grande, xa sexa a actual mercantil XEAL ou outra, está obrigado, inescusablemente e durante toda a vida dos títulos habilitantes, ao mantemento do emprego e a actividade industrial das fábricas; unha actividade, lembrou, á que estaba vinculado xa na súa orixe o destino das concesións hidroeléctricas, como así se plasmou nos diversos títulos de outorgamento concesional o fin industrial cara o que se proxectaba a enerxía eléctrica producida nos ríos Xallas e Grande.

 

Lembrou que, para preservar a actividade e os postos de traballos das fábricas implantadas na zona da Costa da Morte, a Xunta introduciu para outorgamento da concesión a imposición da cláusula de non segregación das actividades de produción de enerxía eléctrica e de ferroaliaxes, de cumprimento obrigado pola empresa concesionaria.