A Xunta licita por máis de 3 M€ o servizo de control e seguimento das depuradoras que serven a unha poboación de máis de 2.000 habitantes

O contrato apoiará a entidade hidráulica da Xunta no desenvolvemento dos traballos de asesoramento aos concellos nas instalacións de depuración da súa titularidade

 

Controlarase o cumprimento da normativa en materia de depuración, realizando analíticas e elaborando informes periódicos sobre o seu estado e conservación

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 3.042.835 € o servizo de apoio técnico para o control e seguimento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas das aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes na comunidade.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación desta actuación, que ten por obxecto a prestación da asistencia a Augas de Galicia nos traballos de control, vixilancia e inspección das instalacións hidráulicas competencia das entidades locais. As empresas interesadas neste contrato, que conta cun prazo de execución de 24 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de xuño.

 

As actuacións obxecto deste servizo comprenderán, entre outras, o desenvolvemento dos traballos necesarios para asesorar aos concellos nas instalacións de depuración da súa titularidade.

 

Tamén se inclúen as tarefas de control necesario para asegurar o cumprimento da normativa vixente en materia de depuración, coa realización das analíticas necesarias e a recompilación da información precisa para a elaboración de informes periódicos sobre o seu estado e conservación.

 

Ademais, este servizo comprende a realización de informes globais sobre as instalacións de depuración no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, necesarios para enviar a outros organismos competentes na materia, ou para avaliar o propio estado das instalacións en determinados aspectos concretos no seu conxunto.

 

Toda esta información deberá  ser centralizada na aplicación informática do Sistema de Información de Control de Estacións Depuradoras de Augas Residuais (SICEDAR) de Augas de Galicia.

 

A contratación deste servizos enmárcase nas competencias da entidade hidráulica da Xunta de inspección e control dos servizos de competencia local de abastecemento, de saneamento e de depuración, en particular, as relativas aos caudais circulantes, ás verteduras e á contaminación.