O autobús de coidados Porta a Porta chega a O Porriño para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria aos maiores

Estará durante tres días atendendo de xeito gratuíto ás persoas maiores de 55 anos

No que atinxe a área territorial de Vigo, a vindeira semana trasladarase a Mos do 10 ao 12 de maio, o día 30 a Fornelos de Montes e o 31 estará en Pazos de Borbén

O programa xa atendeu 375 persoas só na área de influenza de Vigo no seu primeiro mes en funcionamento
 

O Porriño, 4 de maio de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaron hoxe no municipio pontevedrés o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade de xeito gratuíto.

Segundo informaron, desde a posta en marcha desta iniciativa da Consellería de Política Social coincidindo co inicio do mes de abril, o programa Coidados Porta a Porta  atendeu 375 persoas só nos na área de influenza de Vigo. No sur da provincia xa percorreu os concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.

No que atinxe á área territorial de Vigo, tras o seu paso por O Porriño, onde permanecerá ata o vindeiro luns, achegarase ata a localidade de Mos do 10 ao 12 de maio, para trasladarse o día 30 a Fornelos de Montes e o 31 a Pazos de Borbén. Asemade, o autobús pasará esta semana polos concellos coruñeses de Betanzos e Oza-Cesuras; os ourensáns de Barbadás, Cartelle, Ramirás e A Merca; e os lucenses de Foz e Trabada.

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todos os galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Imaxes relacionadas