A Xunta sinala que o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC difundirá as vantaxes da aplicación destas tecnoloxías en todo o tecido empresarial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, participou hoxe na Coruña no inicio das obras deste edificio, que funcionará como unha xanela única para o sector

Apunta que a Cidade das TIC é un proxecto integrador, estratéxico e innovador que fará de Galicia un referente neste ámbito

A Coruña, 4 de maio de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, sinalou hoxe que o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC na Coruña funcionará como unha xanela única para o sector, e axudará a difundir as vantaxes das tecnoloxías da información e da comunicación en todo o tecido empresarial, especialmente nas pequenas e medianas empresas.

 

Conde, que asistiu ao acto de inicio das obras deste edificio, o primeiro dos que albergará a Cidade das TIC, subliñou que este complexo tecnolóxico é un proxecto integrador, estratéxico e innovador que fará de Galicia un referente no desenvolvemento do sector. Contribuirá así mesmo, tal e como subliñou o representante da Xunta, á transformación dixital nun momento relevante onde a tecnoloxía se presenta como unha ferramenta imprescindible para incrementar a competitividade, a produtividade e a sustentabilidade de todos os sectores da economía.

 

Na súa intervención, o responsable de Economía, Empresa e Innovación destacou a colaboración público-privada que permite a posta en marcha da Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia que é posible grazas á implicación das administracións, da Universidade da Coruña, o Clúster TIC e do conxunto das empresas do sector.

 

A Xunta de Galicia está impulsando as primeiras propostas que terán cabida neste complexo con achegas que superan os 5,4 millóns de euros, é dicir, o 85% de todo o investimento comprometido ata agora, arredor de 6,34 millóns de euros. Así, ademais do Centro de Servizos Avanzados, a Xunta tamén apoia a instalación do Galaxy Lab, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), un centro de investigación e experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas.

 

Segundo subliñou o vicepresidente económico en funcións, que salientou que o gran estímulo que precisa a Cidade das TIC é que este proxecto sexa recoñecido no marco dos fondos europeos Next Generation, estase a crear un ecosistema que permitirá incorporar as TIC en todas as cadeas de valor e na mellora dos servizos á cidadanía. No caso concreto do Centro de Servizos Avanzados, vai ser un espazo onde as empresas poderán comprobar de forma real e directa como funcionan moitas das tecnoloxías asociadas á Industria 4.0, a través de prototipos e demostracións, e observando resultados que lle van facilitar a toma de decisións. Contará con cinco laboratorios para a realización de probas xunto a un espazo de demostración.

 

Tal e como lembrou Conde, o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC é un dos primeiros sete centros de fabricación avanzada que se van poñer en marcha en Galicia, cunha mobilización de 26 millóns de euros para proveer ás pemes galegas de ferramentas e servizos tecnolóxicos de última xeración. Estará integrado nun Hub de Innovación Dixital e será un escaparate único para a tecnoloxía con Marca Galicia.

 

O sector TIC aglutina máis de 3.800 empresas que dan emprego a case 24.400 traballadores e traballadoras, situando a Galicia como a quinta comunidade autónoma en número de empresas TIC de toda España. Ademais, esta industria acadou o ano pasado unha facturación superior aos 2.800 millóns de euros, e representa o 2,8% do PIB galego e o 3,3% das exportacións (95 millóns de euros).

Imaxes relacionadas