O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, presenta o acordo co Clúster deste sector, Cluergal

A Xunta e a industria de enerxías renovables impulsan a colaboración en proxectos de innovación na FP

O obxectivo é desenvolver másteres de FP para a atender a demanda de profesionais en sectores emerxentes como o big data, a intelixencia artificial ou a robótica entre outros

Tamén se porán en marcha proxectos no ámbito da FP Dual, da formación do profesorado e da acreditación de competencias profesionais

Román Rodríguez visita o CIFP Fraga do Eume, en Pontedeume, que neste curso se incorporou á Rede de Centros de Innovación da FP de Galicia

Ferrol, 4 de maio de 2022

A Xunta de Galicia e a industria de enerxías renovables impulsan a colaboración mutua para o desenvolvemento de distintas accións no ámbito da Formación Profesional. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, e o presidente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), José Ramón Franco, presentaron esta mañá no Centro de Innovación de FP Ferrolterra o acordo de colaboración, nun acto no que tamén interveu o presidente da Asociación Eólica de Galicia, José Manuel Pazo, e ao que asistiu a delegada da Xunta na cidade, Martina Aneiros.

 

O titular de Educación explicou que este acordo se traduce “nun novo impulso ás ensinanzas de Formación Profesional” do que se van beneficiar “tanto os alumnos como centros educativos e as empresas”, a quen agradeceu a implicación “neste proxecto de país que é a nosa FP, recoñecida a nivel nacional como símbolo de calidade e de empregabilidade e da que este centro de FP Ferrolterra, onde nos atopamos, é un claro referente”.

Formación e transferencia de coñecemento

En virtude deste acordo, a Xunta e o Clúster de Enerxías Renovables van desenvolver proxectos conxuntos de innovación nos centros educativos de FP enfocados, sobre todo, á transferencia de coñecemento entre industria e eido académico. Trátase de másteres de FP deseñados como cursos de especialización que permitirán, sobre todo, responder de forma rápida ás innovacións que se producen nos sistemas produtivos e que demandan profesionais de sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial, robótica ou desenvolvemento sostible, entre outros.

 

Un dos principais puntos do acordo é o impulso da Formación Profesional Dual con proxectos específicos que se deberán formalizar a través de firma de convenios concretos.

 

Outra das liñas específicas de actuación é a formación tanto de docentes como do alumnado. Así pois, o Clúster vai colaborar na formación e capacitación do profesorado, do alumnado e na cesión de equipamento e instalacións. Tamén está previsto organizar cursos, seminarios e estudos sobre temas referentes ás novas tecnoloxías de interese común tanto para o persoal das empresas asociadas como dos centros educativo.

 

No ámbito da formación en centros de traballo, Cluergal comprométese a acoller nas súas firmas alumnado que estea cursando ciclos formativos para que poidan realizar as prácticas. Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comprométese a impulsar o recoñecemento da experiencia laboral dos traballadores e das empresas pertencentes a Cluergal mediante o programa de avaliación, recoñecemento e acreditación.

 

CIFP Fraga do Eume

Posteriormente o conselleiro trasládase a Pontedeume para visitar o Centro Integrado de Formación Profesional Fraga do Eume, que este ano se vén de incorporar á Rede de centros de FP de Galicia e que, en palabras de Román Rodríguez, “é un expoñente do bo facer, sobre todo na especialidade da Hostalaría e turismo”.

 

De feito a súa conversión en Centro Integrado de FP supuxo un reforzo da oferta educativa coa incorporación dos ciclos superiores de Axencias de viaxe e xestión de eventos e o de Xestión de aloxamentos. O centro oferta xa todas as titulacións de grao medio e superior desta familia profesional, agás o ciclo superior de Guía, información e asistencia turísticas, que se imparten noutro CIFP da comarca, o Rodolfo Ucha Piñeiro.

Imaxes relacionadas