A Xunta colabora con Afapo para tratamentos e terapias de enfermos de alzhéimer e as súas familias cunha achega anual de 331.000€

O delegado territorial, Luis López, informou da concesión da partida para este ano nunha visita ás instalacións terapéuticas e o centro de día da entidade en Pontevedra, onde foi recibido polo presidente, José Fontenla

A Consellería de Política Social financia 35 prazas no servizo de Pontevedra, outras 10 na unidade terapéutica de Marín e outras tantas na de Moraña, que polo momento están sen empregar xa que acaba de abrirse o centro de Alende

A asociación presta atención social e psicolóxica, obradoiros, terapias, fisioterapia, programas de asesoramento e prevención, iniciativas de formación e transporte adaptado aos usuarios e os seus familiares
 

Pontevedra, 4 de maio de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vai colaborar novamente este ano coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias da provincia de Pontevedra (Afapo) para o desenvolvemento de tratamentos, terapias e outros programas cunha achega de 331.301 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou a concesión desta partida, renovada no contrato asinado o pasado mes de abril, nunha visita ás instalacións terapéuticas e o centro de día na cidade de Pontevedra, onde foi recibido polo presidente de Afapo, José Fontenla, e polo persoal que presta estes servizos.

 

A Xunta de Galicia financia un total de 35 prazas do centro terapéutico e de día da asociación en Pontevedra cunha achega anual de 275.000 euros orientada aos programas e prestacións e tamén ao transporte adaptado dos usuarios.

 

Así mesmo, a Consellería de Política Social tamén destina preto de 30.000 euros por exercicio para dar cobertura ás 10 prazas concertadas que ten Afapo na unidade terapéutica de Marín e case 27.000 euros, por vez primeira este ano, para outras tantas no centro de estimulación de Moraña, que por agora están sen empregar posto que o servizo vén de iniciarse estas semanas no novo centro social de Alende, tamén reformado cunha partida autonómica de 200.000 euros.

 

A través das catro instalacións desta rede de atención social no centro da provincia de Pontevedra, Afapo centra os seus obxectivos na asistencia psicolóxica ás familias, o asesoramento xeral, as accións de concienciación do diagnóstico precoz e a prestación de servizos de atención personalizados.

 

En concreto, as iniciativas desenvolvidas para mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de Alzhéimer e dos seus familiares son a atención social e psicolóxica, os obradoiros e terapias, o servizo de fisioterapia, os programas de asesoramento e prevención, a formación e o transporte adaptado.

Imaxes relacionadas