A Xunta reforza a dotación de medios da Policía Autonómica e a renovación das súas instalacións para atender as súas funcións con eficiencia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, explicou hoxe no Parlamento galego que a Xunta dotou nos últimos anos de 70 novos vehículos aos axentes, algúns deles destinados á protección e vixilancia dos Camiños de Santiago e á atención aos peregrinos neste Xacobeo

Lembrou que todas as comisarías da Policía Autonómica nas cidades contan con novas e renovadas sedes

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento galego o compromiso da Xunta por dotar á Policía Autonómica dos medios técnicos e materiais cos que desenvolver a súa actividade , así como as melloras levadas a cabo en todas as comisarías con novas sedes adaptadas ás funcións e competencias desta unidade policial.

O parque móbil da unidade ascende a 130 vehículos, dos que 70 foron renovados pola Xunta nos últimos 5 anos. Con este importante esforzo dotouse aos distintos grupos operativos de vehículos especialmente adaptados ás súas funcións relacionadas coa protección do medio ambiente e do patrimonio cultural, a prevención e investigación de incendios, a loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal, a protección de menores e de vítimas de violencia de xénero, ou a vixilancia das rutas do Camiño de Santiago e a atención ao peregrinos, xunto coas súas funcións habituais en materia de seguridade.

A maioría de vehículos adquiridos son todocamiño que permiten chegar a lugares de difícil acceso. Destacan os vehículos todocamiño híbridos para tarefas vencelladas coa protección das rutas xacobeas co obxectivo de garantir a seguridade neste Xacobeo que, ademais son medioambientalmente sostibles. Nesta liña, tamén se entregou ás patrullas que vixilan os Camiños de Santiago un furgón policial similar a unha oficina móbil e con desfibrilador adaptado para a atención aos peregrinos e as incidencias que lles xurdan durante o seu itinerario.

Do mesmo xeito, para facilitar as actuacións do Equipo de Resposta Policial (ERPOL) nos operativos de loita contra o furtivismo, a Xunta cedeu a este grupo furgóns 4x4, vehículos todocamiño, unha lancha para intervencións en medios mariños e fluviais, así como un dron subacuático.

Por iso, tendo en conta as cifras récord de peregrinos que se están a rexistrar neste ano, en parte debido ao auxe da peregrinación internacional, Santiago Villanueva incidiu no traballo dos axentes da Policía Autonómica para contribuír a que Galicia sexa un destino seguro para os cidadáns galegos e para os visitantes. De feito, a imaxe da comunidade como destino seguro está a supoñer un reclamo para turistas e peregrinos neste Xacobeo.

O director xeral de Emerxencias e Interior tamén sinalou o importante esforzo na mellora das sedes da Policía Autonómica, por exemplo coas reformas levadas a cabo o ano pasado na sede central da unidade en Santiago de Compostela e na comisaría de Lugo. Ademais, nos últimos anos creáronse tres novas sedes cos traslados da comisaría de Pontevedra ao complexo administrativo da Xunta, a da Coruña ao edificio de Portos de Galicia na cidade e a da Ourense ao Pazo de Xustiza. No caso da de Vigo, trasladarase da súa ubicación actual á nova Cidade da Xustiza cando esta entre en funcionamento.

A adquisición de medios de transporte e a renovación das instalacións completouse cunha importante dotación de equipamentos de comunicación e telemáticos.

Na súa intervención, Villanueva aproveitou para lembrar o imprescindible labor dos efectivos da Policía Autonómica durante a pandemia do coronavirus para garantir o cumprimento das medidas de prevención ante a covid adoptadas polas autoridades sanitarias. No marco da colaboración coas forzas e corpos de seguridade, esta unidade realizou máis de 18.200 dispositivos con máis de 30.600 inspeccións.

Por iso, tendo en conta que nos últimos anos a UPA veu incrementadas as súas funcións, a Xunta volve reclamar que se complete o cadro de persoal da unidade cos axentes que lle corresponden ata os 500 efectivos previstos, xa que a plantilla actual atópase ao 73% con 367 axentes. O Goberno galego agarda que o novo convenio co Ministerio do Interior permita actualizar este e outros aspectos relacionados co funcionamento da UPA.