O director xeral de Centros sinala a I Mostra de Educación de Mos como unha oportunidade para coñecer a ampla oferta educativa galega

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade percorre os expositores desta feira, que se desenvolve ata o vindeiro xoves

Mos (Pontevedra), 4 de maio de 2022

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, visitou este mediodía a I Mostra de Educación e Formación do Concello de Mos, un encontro no que se dan a coñecer as diversas opcións da oferta educativa galega ata o vindeiro xoves.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor a amplitude de posibilidades que ofrecen os centros de ensino dependentes da Xunta de Galicia, desde a etapa de Infantil ata a Formación Profesional, pasando polas ensinanzas de réxime especial (Escolas Oficiais de Idiomas, ensinanzas artísticas...). Así mesmo, destacou a oportunidade que citas como esta mostra representan para que o alumnado, as familias e o conxunto da comunidade educativa coñezan estas propostas académicas.

 

A través de máis de 40 expositores, os visitantes poderán informarse sobre a oferta de centros de FP ou universidades, así como da actividade de diferentes formacións xuvenís

Ademais das casetas, no marco da mostra realizaranse demostracións prácticas das ensinanzas FP, amosarase un simulador de incendios da empresa Seganosa ou equipamento de robótica da empresa Unimate.

 

Na visita institucional á mostra participaron tamén a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Promoción económica e emprego, Julia Loreiro. O percorrido polos expositores rematou cunha demostración do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Torroso.

Imaxes relacionadas