A Xunta impulsa unha mostra sobre o Camiño Inglés que recolle a visión artística de dúas ilustradoras

O delegado da Xunta na Coruña participou na inauguración da mostra, que permanecerá aberta na sede de Afundación en Santiago desde hoxe e ata o 21 de maio

“O debuxo é o Camiño. Camiño Inglés” nace como continuidade á iniciativa “Cadernos de Viaxe”, posta en marcha o ano pasado no marco da programación do Xacobeo 21-22
 

A Coruña, 4 de maio de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,  presentou hoxe na sede de Afundación acolle desde esta mañá e ata o vindeiro 21 de maio a mostra “O debuxo é o Camiño. O Camiño Inglés”, unha exposición que nace do Camiño percorrido pola ilustradora catalana Maru Godás e a irlandesa Róisín Curé, que no verán pasado contaron a súa experiencia no Camiño Inglés a través das súas ilustracións e redes sociais.

 

Trenor acompanhado pola  comisaria da mostra Gemma Sesar e pola coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores Fernández, participaron na inauguración da exposición que xurde con carácter itinerante, co obxectivo de percorrer o Camiño Inglés retratando deste xeito este itinerario a través das 25 ilustracións que compoñen a mostra, montadas en telas de alta calidade e que se mostrará en 22 caixas de luz de dobre cara, o que permitirá resaltar a calidade das imaxes.

 

Na súa intervención, o delegado da Xunta, puxo en valor esta nova actuación, no marco do programa do Xacobeo21-22, e que se encadra dentro da iniciativa de Cadernos de Viaxe que se celebrou o ano pasado co obxectivo de achegar a diferentes artistas con distintos estilos ao Camiño de Santiago. “Debuxo e Camiño volven darse a man nesta mostra, financiada íntegramente por Turismo de Galicia, e que agora podemos ver tan excelentemente expostas, afondando así na experencia e na mirada que as ilustradoras obtiveron da súa experiencia como peregrinas”, afirmou.

 

Trenor tamén destacou que esta mostra forma parte das numerosas iniciativas que se están levando a cabo para a promoción do II Ano Xacobeo e neste senso subliñou que “No que vai de ano estanse a conseguir grandes obxectivos no que a visitantes refírese. Na Semana Santa rexistráronse nalgúns destinos galegos cifras de ocupación superiores ás da prepandemia,. alcanzando e superando o 80%”. Ademais, engadiu no que “vai do 2022, da man do Xacobeo, o Camiño superou os 33.000 peregrinos, mellorando as cifras do 2019 no mesmo período, o ano no que se entregaron máis Compostelas”.

Imaxes relacionadas