A Xunta apoia a celebración da Gala do libro galego 2022

O representante do Goberno galego pon en valor o impulso que se está a dar ao sector do libro tanto a través das feiras autonómicas como en citas internacionais

A Consellería ten en marcha liñas de apoio específico á edición e á tradución e desenvolve iniciativas novidosas como o Bono Cultura ou os intercambios literarios
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da Gala do Libro Galego 2022, unha cita que conta co apoio da Xunta de Galicia, entre outras entidades.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor o impulso que o Goberno galego está a dar ao sector do libro. Neste sentido, destacou a recente presenza da nosa Comunidade na 46ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires, considerada como un dos eventos culturais e editoriais máis importantes de Latinoamérica. A Xunta instalou alí un espazo promocional no que se presentaron as novidades de diferentes editoriais galegas e que contou tamén con autores galegos. Así mesmo, estase a celebrar a segunda das Feiras do Libro deste ano, en Santiago de Compostela, que conta co apoio da Xunta.

 

Por outra banda, a Consellería de Cultura ten en marcha ten en marcha liñas de apoio para favorecer a edición, cun investimento superior aos 5M€ na última década, ou á tradución, que inxectou máis de 2M€ nese mesmo período. A maiores, desenvólvénse iniciativas novidosas como o Bono Cultura, e están en marcha varios intercambios profesionais co estranxeiro a través de residencias literarias, entre outras.

 

Na rolda de prensa participaron tamén o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; o presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Henrique Alvarellos e o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, en representación das tres entidades organizadoras.

 
 
 
 

45 finalistas

A Gala é a cita na que se entregan os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria e editorial en Galicia durante o ano 2021. Nesta edición hai 45 finalistas, entre títulos, iniciativas, proxectos e profesionais.

 

Os gañadores daranse a coñecer no propio evento, que se celebrará o vindeiro 7 de maio no Teatro Principal de Compostela, recuperando o carácter presencial despois de dous anos.

Imaxes relacionadas