A Xunta recibe as ofertas de 4 empresas para executar a mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Ribeiro e de Celanova, cun investimento de máis de 1,2 M€

Actuarase nas estradas OU-411, OU-414 e OU-801, nos concellos de Bande, Ribadavia, Verea, Cortegada, Pontedeva, Padrenda e Quintela de Leirado

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no verán para telas rematadas este mesmo ano

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A Xunta recibiu as ofertas de 4 empresas para executar as obras de mellora de firme en 3 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Ribeiro e de Celanova, que suporán un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.

 

Trátase do acondicionamento do pavimento nas estradas OU-411, OU-414 e OU-801, no seu transcurso polos concellos de Bande, Ribadavia, Verea, Cortegada, Pontedeva, Padrenda e Quintela de Leirado.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé comezar este verán as obras para telas rematadas este mesmo ano.

 

De xeito máis detallado, as actuacións previstas na estrada OU-411 desenvolveranse no treito entre o punto quilométrico 0, en Bande, ata a intersección coa estrada OU-801, en Agra, en Padrenda.

 

Na OU-414 actuarase desde o punto 0 na intersección coa OU-411 ata a intersección coa OU-213, en San Roque, no concello de Padrenda.

 

Na estrada OU-801 a actuación divídese en tres treitos: o primeiro, entre a intersección coa OU-405 ata o punto quilométrico 1+250, en Ribadavia; o segundo, desde o punto 10+460 ata o 13+810, en Cortegada; e o terceiro, do 15+440 ata o PQ24+150, en Souto.

 

Os traballos consistirán no estendido de mestura bituminosa en quente e no selado de fisuras e fendas. Tamén se procederá á limpeza de gabias e nalgúns treitos executarase unha gabia de seguridade formigonada.

 

Ademais, realizarase o repintado da sinalización en todo o trazado das estradas e repoñeranse os captafaros nos treitos nos que se mellore o firme.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.