O programa Renove automoción apoia a adquisición de máis de 1500 vehículos por parte de particulares

Esgotado o crédito destinado a persoas físicas, tras a ampliación realizada o mes pasado

Quedan 55.000 euros dispoñibles para empresas e autónomos

As axudas mobilizarán 34 millóns de investimento público-privado

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia vén de esgotar as axudas do Renove Automoción destinadas a particulares cun total de 1534 reservas, polo que xa se activou a lista de agarda para este tipo de beneficiarios.

 

O Goberno galego ampliara en 2 millóns de euros estas axudas ata chegar a un orzamento total de 4,5 millóns o pasado mes de abril pero en menos de tres semanas os fondos reservados para persoas físicas esgotáronse ao chegar aos 4,1 millóns de euros. Quedan 55.000 euros dos 400.000 reservados para as empresas e os autónomos.

 

Estas peticións suporán unha mobilización que supera os 34 millóns de euros de investimento público-privado co obxectivo de seguir apoiando a substitución do parque automobilístico galego.

 

Os beneficiarios recibirán entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales o Goberno galego achega 2000 e 3000, respectivamente, e o concesionario, 1000. A contía increméntase nun 20% para familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3400 e 4600 euros.

 

A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 40.000 euros. É requisito imprescindible que a persoa beneficiaria acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de, polo menos, 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. Polo tanto, entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade –o parque móbil galego ten unha media de 14 anos– por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire.

Imaxes relacionadas