A Xunta busca atraer 14 novos profesionais de alta cualificación para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i en Galicia

O programa Talento Sénior, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns, 9 de maio, conta nesta quinta edición cun orzamento de 960.000 euros e está dirixido a empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos

Co obxectivo de contar cun sistema de innovación o máis igualitario posible inclúense criterios de baremación que fomentan a incorporación da muller

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.- O programa Talento Sénior, que impulsa a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación, mantén aberta a convocatoria deste ano ata o vindeiro luns 9 de maio. O obxectivo é atraer cara a Galicia 14 profesionais de alta cualificación cunha experiencia mínima de cinco anos.

 

O programa, que conta nesta quinta edición cun orzamento de 960.000 euros, está destinado a empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos para que poidan contratar persoal tecnólogo ou doutor en proxectos de I+D+i. O principal obxectivo é apoiar tanto a atracción como o retorno profesional do persoal investigador para que poidan desenvolver en Galicia a súa carreira e estimular, deste xeito, a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación.

 

As axudas, en concorrencia competitiva, apoian contratos dun período mínimo de tres anos de duración. Os incentivos variarán entre un 40 e 60% en función da retribución bruta -que será dun mínimo de 40.000 euros-; e primarase o retorno a Galicia de profesionais.

 

Cada entidade poderá acceder a un máximo de dous contratos e na baremación teranse en conta aspectos como o perfil da persoa a contratar, a condición de retorno e atracción, a traxectoria internacional do perfil, a calidade e impacto do proxecto de I+D+i proposto e do plan de traballo, os anos de experiencia profesional esixidos, así como a presentación dun plan de igualdade de xénero.

 

De feito, a convocatoria trata de fomentar o emprego feminino e a incorporación das mulleres nas actividades de I+D+i, incluíndo esta cuestión nos criterios de baremación. O obxectivo é conseguir un sistema de innovación o máis igualitario posible en Galicia, no que se poida desenvolver todo o talento á marxe do xénero.

 

Unha das novidades é que en situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade, suspenderase o cómputo da duración do contrato e prorrogarase o prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión.

 

Grazas ás convocatorias anteriores de Talento Sénior, xa se incorporaron 47 profesionais cualificados a actividades de I+D+i no ecosistema galego (30 en empresas e 17 en centros de coñecemento) cun apoio de 4,8M€ que mobilizaron o dobre: 9,6 millóns. Os especialistas contratados contan cunha media de 10 anos de experiencia profesional en diferentes ámbitos da I+D+i, e desenvolven a súa actividade en sectores como o biotecnolóxico, enerxía, medio ambiente, saúde, fabricación industrial, servizos profesionais científicos e técnicos ou as TIC.

 

Esta axuda enmárcase na aposta que desde a Xunta de Galicia se está a realizar pola promoción do talento e, en concreto, no eido da investigación e a innovación, con programas como Principia -que sumou 627 contratos de menores de 35 anos desde
2016-; Doutoramento Industrial -posto en marcha o pasado ano coa contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos-; Oportunius -nove contratos a gañadores ERC e apoio a outros 25-; ou Ignicia, que nas súas tres edicións permitiu crear ou manter 146 postos de traballo.

Imaxes relacionadas