A Xunta inviste preto de 280.000 euros na contratación dunha vintena de traballadores para a prevención de incendios en concellos de Ferrolterra

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, avanzou que as achegas por cada contrato son de 13.970 euros

Cada entidade local beneficiaria desta convocatoria incorporará un ou dous traballadores en xornadas a tempo completo

Ferrol, 4 de maio de 2022.- A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar aos concellos galegos a concesión das axudas do programa Aprol Rural que suporá a contratación de 20 persoas nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para acometer traballos relacionados, na súa maioría, coa prevención de incendios. En total, suman un investimento de 279.400 euros.

 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puntualizou que as persoas contratadas traballarán durante un período de nove meses en labores de mantemento e aproveitamento das faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.

 

Nas tres comarcas, reciben apoio económico da Xunta 15 dos 20 concellos. O programa está dirixido aos municipios rurais e exceptúa ás sete grandes cidades galegas, como é o caso de Ferrol, e outras con núcleos densamente poboados. Cada concello da zona incorpora entre un e dous traballadores en xornadas a tempo completo. As achegas por cada contrato son de 13.970 euros, a destinar a gastos salariais segundo o grupo de cotización.

 

A convocatoria ten por obxectivo proporcionar ás persoas desempregadas a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, ao tempo que colaborar na prestación de servizos municipais.

 

Martina Aneiros incidiu en que esta colaboración enmárcase nos programas da Xunta para impulsar o emprego local, que inclúen outras liñas de axudas como as dirixidas a contratar a persoas perceptoras da Risga ou a que facilita cubrir postos de socorristas.

 
 
 
 
 
 
 

DISTRIBUCIÓN POR CONCELLOS DAS COMARCAS DE FERROL, EUME E ORTEGAL DAS AXUDAS APROL RURAL 2022

 
 
CONCELLOS
TRABALLADORES

IMPORTE CONCEDIDO

As Pontes
2
27.940
Cabanas
2
27.940
Neda
2
27.940
Fene
2
27.940
Ares
2
27.940
Ortigueira
1
13.970
Monfero
1
13.970
Cedeira
1
13.970
San Sadurniño
1
13.970
Mañón
1
13.970
As Somozas
1
13.970
Cariño
1
13.970
Moeche
1
13.970
Pontedeume
1
13.970
Mugardos
1
13.970
TOTAIS
20
279.400 €