A Xunta destaca o papel do xornalismo de opinión na formación de cidadáns libres nunha sociedade democrática

O vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, acompañado da delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu á entrega do VII Premio de Columnismo José Luis Alvite, da Asociación de Periodistas de Galicia, ao xornalista Javier Sánchez de Dios

Alfonso Rueda gabou o labor do xornalista pontevedrés e a súa traxectoria ao servizo dos seus lectores e oíntes
 

Pontevedra, 3 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou o papel fundamental do xornalismo de opinión na formación de cidadáns libres nunha sociedade democrática. Foi no transcurso da entrega do VII Premio de Columnismo José Luis Alvite que a Asociación de Periodistas de Galicia outorgou este ano ao xornalista pontevedrés Javier Sánchez de Dios.

Alfonso Rueda, que asistiu ao acto acompañado pola delegada territorial de Vigo, Marta Fernández-Tapias, valorou positivamente que a entrega do premio coincida coa celebración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, xa que ao seu entender, os columnistas e o xornalismo de opinión levan a cabo un papel fundamental na democracia como é o de “contextualizar e estruturar a información que lles chega aos cidadáns para que poidan facerse unha composición de lugar e crear unha opinión propia, o que lles axudará tamén a tomar decisións”.

Alfonso Rueda puxo en valor o premio creado pola Asociación de Periodistas de Galicia pola mestría do personaxe a quen homenaxean, o columnista José Luis Alvite, e pola profesionalidade da nómina de premiados á que agora se suma Javier Sánchez de Dios. Do xornalista pontevedrés, o vicepresidente primeiro en funcións destacou “a entrega coa que abordou toda unha carreira dedicada á información e a súa traxectoria ao servizo dos seus lectores e oíntes”.

Imaxes relacionadas