O arquivo de Lugo mostra 276 imaxes da Galicia de mediados do século XX coa exposición ‘Postais para recordar. Fondo fotográfico Arribas’

Inaugurada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, poderá visitarse ata outubro

Ofrece unha escolma da colección de 1357 placas procedentes da empresa Ediciones Arriba de Zaragoza, dispoñible para a cidadanía na súa totalidade a través de Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia e recollida nun catálogo tamén presentado hoxe

Lugo, 3 de maio de 2022.- O Arquivo Histórico Provincial de Lugo acolle desde hoxe ata outubro a exposición Postais para recordar. Fondo fotográfico Arribas, formada por unha escolma de 276 imaxes de distintas localidades galegas a mediados do século XX. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, inauguraron a mostra nun acto que contou coa participación da directora do Arquivo, M. Dolores Pereira. Tamén se presentou o catálogo coa totalidade das 1357 placas do fondo procedente da empresa Ediciones Arriba de Zaragoza, a prol do seu coñecemento e difusión.

 

Na exposición pódense contemplar vistas de monumentos, paisaxes, rúas ou de tipo popular agrupadas de xeito xeográfico. Da provincia lucense figuran imaxes de Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, O Incio, Ribadeo, Samos, Sarria, Vilalba e Viveiro. No caso da Coruña, as fotografías son da Capela, A Coruña, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Betanzos, Brión, Cabanas, Cee, Corcubión, Ferrol, Laxe, Melide, Miño, Monfero, Mugardos, Muxía, Noia, Oleiros, Ortigueira, Paderne, Pontedeume, Santiago de Compostela e Valdoviño. Por último, da provincia de Pontevedra móstranse tres imaxes, de Poio, O Grove e Panxón, así como sete tomas do interior dun local que o autor identifica como Marbella.

 

Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a datación concreta das tomas resulta difícil, sobre todo para as imaxes de monumentos ou de elementos moi estables no tempo. “Ao utilizalas para postais, buscábase un efecto de permanencia que permitise reeditar as fotografías un número indeterminado de veces”, apuntou. “Esta peculiaridade queda patente no conxunto das placas de Arribas, ao apreciarse tomas de imaxes moi parecidas, pero raramente idénticas”. 

 
Patrimonio á disposición da cidadanía

O Fondo Arribas, adquirido pola Xunta entre os anos 2004 e 2007, constitúe unha galería de imaxes da Comunidade Autónoma que completa as coleccións de fotografías antigas que custodia o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, e en xeral o Goberno galego. “Forman parte do corpus patrimonial que se lle ofrece tanto ao persoal investigador como á cidadanía para estudos retrospectivos e como fontes de información”, engadiu o secretario xeral. O fondo está xa dixitalizado, o que permite contar con copia do conxunto das placas á disposición do público para a súa reprodución, nos termos contemplados pola lexislación vixente. Ademais, todo o material está dispoñible en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.

 

As imaxes forman parte do fondo fotográfico da casa Ediciones Arriba de Zaragoza, composto por un conxunto de 1357 placas, algunhas de cristal e outras de acetato de celulosa. A empresa, dedicada á edición de postais, foi fundada por Manuel Arribas Andrés en 1905 e pasou a mans do seu fillo e do neto, quen a vendeu a outra sociedade en 1992.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse ao sistema de traballo da casa Arribas, similar ao doutras empresas do eido. “Sabemos que, para realizar as postais, se valeu tanto das súas propias fotografías como das doutros profesionais, como A. González, Daniel Arbones Villacampa e, sobre todo, Luis García Garrabella”. Debía contar cun pequeno cadro de persoal propio para positivar as placas e editar as postais que imprimía en fototipia en branco e negro.