A segunda edición da Liga Xunta de Galicia de Break bota a andar para ratificar o seu enorme éxito e coa mirada posta nos xogos de 2024 e 2028

O secretario xeral para o Deporte destaca que a Liga Xunta de Galicia de Break é o perfecto pulo para continuar loitando polas metas no canto dos deportes urbanos como son o Plan Director, a creación da Federación Galega de Baile Deportivo e a posibilidade de que algún galego ou galega acade a participación olímpica

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou a oportunidade da liga como “un punto de encontro para toda a mocidade galega que, ben de xeito amateur ou profesional, practica esta disciplina”
 

Santiago, 3 de maio de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron na presentación da segunda edición da Liga Xunta de Galicia de Break que terá lugar en dez sedes galegas e que contará coa participación de máis de 60 bboys e bgirls nas categorías de iniciación, intermedia e avanzada ao longo do ano 2022. No acto de presentación tamén estiveron presentes Anxo Barro, membro do staff da Liga e presidente do Club Deportivo Da Rúa; Daniel Pazos, membro do staff e monitor dos obradoiros de iniciación da Liga; así como os deportistas Artur Lago -AKA Artur-, Sergio Perol -AKA Sergi- e David Amor -AKA Amor-, primeiro, segundo e terceiro na categoría avanzada da edición de 2021 e Nazaret Alvarado -AKA Xayna- como a única muller participante na categoría avanzada.

José Ramón Lete Lasa destacou que o pasado 29 de abril celebrouse o Día Internacional da Danza e que o feito de que precisamente a danza, regrese aos Xogos Olímpicos de París 2024, é “unha volta aos orixes, xa que as competicións de baile xa formaban parte dos Xogos Olímpicos da Antigüidade”. Neste sentido lembrou a nómina de países que acadaron medalla na categoría de break dance nos Xogos Olímpicos da Xuventude, celebrados en Bos Aires en 2018, para afirmar que “a globalización fixo que o breaking chegara desde Estados Unidos a todos os recunchos do mundo, a Galicia tamén”.

O mandatario galego destacou a importancia da colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a Secretaría Xeral para o Deporte neste pulo aos deportes urbanos que permite achegar hábitos de vida activa a unha grande cantidade de mozos e mozas como xa ocorreu no caso do skate, BMX ou basket 3x3, olímpicos en Toquio. Así, incidiu na xuventude dalgúns participantes como David Amor (15) ou Alicia Babarro (11) e no elevado número de participantes femininas, que en 2021 chegaron ao 57% na categoría de iniciación.

Todo este traballo servirá, dixo, para continuar loitando polas metas da Xunta de Galicia no canto dos deportes urbanos como son o Plan Director, a creación da Federación Galega de Baile Deportivo e a posibilidade de que algún galego ou galega acade a participación olímpica.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou a oportunidade da liga como "un punto de encontro para toda a mocidade galega que, ben de xeito amateur ou profesional, practica esta disciplina, que foi gañando deportistas e profesionalidade ao longo dos anos". Así mesmo, lembrou que as sedes da competición buscan, ao mesmo tempo, o vínculo co ámbito urbano, coa rúa, eido no que precisamente nace o break dance, e tamén achegarse ao público mozo a través dos propios centros xuvenís. Por iso, 5 das 10 sedes da liga son Espazos Xoves, cuxos usuarios tamén poden participar nos talleres de formación.

Liga Xunta de Galicia de Break

As inscricións para a segunda Liga Xunta de Galicia de Break están abertas dende onte na seguinte ligazón: https://ligaxuntabreak.org/. A inscrición é de balde e as prazas son limitadas, polo que adxudicaranse por estrita orde de inscrición con reserva de prazas a competidores da categoría intermedia (as persoas que acadaran entre o 1º e o 20º posto do Ranking 1vs1 de iniciación da Liga de Break 2021). A Liga Xunta de Galicia de Break 2022 viaxará por dez sedes galegas que serán Lalín (14 de maio), Viveiro (28 de maio), Noia (4 de xuño), Porto do Son (2 de xullo), Verín (27 de agosto), Vigo (10 de setembro), Pontedeume (8 de outubro), Ourense (5 de novembro), Pontevedra (19 de novembro) e Santiago de Compostela (26 de novembro). Ademais das categorías de iniciación e avanzado, nesta segunda edición engádese a de carácter intermedio. O formato será individual (1vs1) para as tres categorías e de parellas (2vs2) de categoría aberta. 

Imaxes relacionadas