A Xunta e a Comisión Europea abordan as consecuencias sociais e económicas da transición ecolóxica

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugura o cuarto encontro do ano do ciclo "FGE | NextGeneratiOn Galicia", organizado pola Fundación Galicia Europa


Jesús Gamallo incide na necesidade de contar con instrumentos como o Fondo de Transición Xusta, do que Galicia é beneficiaria, que axuda a impulsar as oportunidades que brinda a transición ecolóxica
 

Bruxelas, 3 de maio de 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá o cuarto encontro do ano do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, o foro de debate mensual no que a Xunta e a Comisión Europea intercambian información sobre as políticas comunitarias de maior repercusión para Galicia.

 

O director xeral indicou que a transición ecolóxica implica cambios estruturais e sociais que afectan á totalidade das rexións europeas, pero -ao mesmo tempo- brinda unha serie de novas oportunidade que se deben aproveitar. Para acadar a maior rendibilidade nesta situación son de moita e boa axuda instrumentos como o Fondo de Transición Xusta (FTX), que asignará máis de 100 millóns de euros á provincia de A Coruña por ter sido identificada como zona de transición xusta, debido ao peche das centrais de As Pontes e de Meirama.

 

Jesús Gamallo tamén subliñou o papel da Fundación Galicia Europa, que xa organizou múltiples reunións de alto nivel entre as institucións europeas e o Goberno galego para tratar as implicacións da aprobación do FTX, ao tempo que colabora coa  Dirección xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e co Igape no seguimento desta materia.

 

Tras a súa intervención, ambos representantes das Direccións Xerais de Enerxía e de Política Rexional da Comisión Europea afondaron no funcionamento do Mecanismo de Transición Xusta (MTX), proposto polo executivo comunitario para asegurar que a transición ecolóxica sexa en todo caso "xusta e integradora".

 

O MTX tratará de mobilizar durante o período 21-27 preto de 55 millóns de euros en investimentos públicos e privados a través dos seus tres piares: un réxime de Transición Xusta no marco de InvestEU, un instrumento de préstamos ao sector público e un Fondo de Transición Xusta. Porén, o acceso a este financiamento só se garantirá mediante os Plans Territoriais de Transición Xusta, aínda pendentes de aprobación.

Imaxes relacionadas