A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou hoxe o remate da obra acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

Ethel Vázquez destaca a colaboración entre a Xunta e o Concello de Cenlle para transformar a travesía de Trasariz nunha rúa máis segura, funcional, accesible e humana, tras un investimento de máis de 170.000 €

Executouse un itinerario ao longo dos 450 metros que unen un tramo antigo da estrada N-120 co núcleo de Trasariz, proporcionando o tránsito máis cómodo e seguro dos peóns e mellorando a accesibilidade

A Xunta financiou a actuación e o Concello encargouse da redacción do proxecto e da execución das obras, asumindo tamén a titularidade da travesía
 

Cenlle (Ourense), 3 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe a colaboración entre a Xunta e o Concello de Cenlle para transformar a travesía de Trasariz nunha rúa máis segura, funcional, accesible e humana, tras un investimento de máis de 170.000 €.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o alcalde, José Manuel Rodríguez, o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Luis Fernández, e membros da corporación municipal, supervisou hoxe en Cenlle o resultado dos traballos rematados de reforzo da seguridade e mellora da accesibilidade levados a cabo nesta travesía que conecta a estrada N-120 co núcleo rural de Trasariz.

A conselleira explicou que a actuación se enmarca no acordo selado en xaneiro do pasado ano entre a Administración autonómica e o Concello de Cenlle para desenvolver conxuntamente unha actuación nesta travesía. Trátase dun antigo treito da estrada N-120 que, pese a ter ancho suficiente, entre 7,5 e 11 metros, carecía ata o de agora de beirarrúas e de delimitación de carrís.

Mediante este acordo a Xunta financiou integramente as obras e o Concello, pola súa banda, encargouse de redactar o proxecto e de contratar e executar os traballos, asumindo tamén a titularidade da travesía de Trasariz.

Ethel Vázquez apuntou que, aproveitando o ancho suficiente do que dispoñía a travesía, executouse unha senda para o tránsito máis cómodo e seguro dos peóns e para mellorar a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade.

Para iso actuouse en preto de 450 metros da travesía, realizando primeiramente o movemento de terras e a demolición do pavimento para encaixar a nova senda, habilitándose o itinerario con firme, pavimentación e bordo prefabricado de formigón a ambos os dous lados, como separación co propio pavimento asfáltico da vía.

As obras incluíron a instalación de tubaxes e sumidoiros para favorecer a correcta drenaxe e a evacuación da escorrentía superficial da travesía, ademais de renovarse a sinalización.

A conselleira sinalou a que ao carón da Casa do Concello se executou, ademais, un muro de contención dun noiro para mellorar a estabilidade e xerar maiores espazos para a senda.

Ethel Vázquez puxo o acento na mellora operada nesta travesía de Trasariz, transformando unha estrada nunha rúa, gañando espazo público para os veciños de Cenlle, ao tempo que se contribúe a revalorizar toda esta contorna.

A conselleira fixo fincapé no traballo conxunto do Concello de Cenlle e da Xunta para mellorar as infraestruturas e fomentar unha mobilidade a pé máis segura e respectuosa co medio, no marco da aposta do Goberno galego por unha Galicia máis verde e sustentable coa que se  contribúe, tamén, a mellorar a calidade de vida dos veciños do rural de Galicia. 

Imaxes relacionadas