A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións mantivo unha reunión co presidente, vicepresidente e outros catro representantes do CGES

A Xunta escoita as achegas do Colexio Galego de Enxeñerías á futura Lei de arquitectura

A norma segue neste momento o seu proceso de redacción, incorporando alegacións e suxestións antes de proceder ao trámite da fase intermedia

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia escoitou as achegas do Colexio Galego de Enxeñerías (CGES) ao anteproxecto da futura Lei de arquitectura de Galicia e está aberta a recibir máis aportacións concretas ao texto por parte deste organismo para a súa clarificación e mellora.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse recentemente con representantes do Consello Galego de Enxeñerías: Enrique Urcola, presidente do CGES e decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos; Julio Sánchez Agrelo, vicepresidente do CGES e decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións; Beatriz Spuch, vogal do Colexio de Enxeñeiros Navales e Oceánicos; Santos Arenas, vogal do Colexio de Enxeñeiros de Montes; e Alejandra Álvarez de Mon, secretaria do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos.

 

A Lei de arquitectura de Galicia impulsada pola Xunta ten por obxecto potenciar o papel e a calidade desta materia nas construcións que se leven a cabo na Comunidade. De feito, Galicia aspira a converterse na segunda que conte cunha normativa específica neste eido.

 

Tal e como explicou a conselleira, na exposición de motivos e no articulado da propia Lei déixase constancia de que esta norma non interfire en absoluto no réxime de competencias profesionais na edificación establecido pola Lei de ordenación da edificación, senón que pretende asegurar a mellor calidade dos próximos e futuros desenvolvementos. De feito, “faise un recoñecemento expreso da importancia da participación de todas as disciplinas profesionais que interveñen no proceso arquitectónico, tamén, loxicamente, das Enxeñerías”, salientou Ángeles Vázquez.

 

A norma segue neste momento o seu proceso de redacción, incorporando alegacións e suxestións antes de proceder ao trámite da fase intermedia —consultas aos organismos pertinentes—, co obxectivo de ultimar o texto que será enviado ao Consello da Xunta.

Imaxes relacionadas