O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto expropiatorio para impulsar a actuación

A Xunta investirá máis de 2,6 M€ nas obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección da N-VI ata o enlace coa A-6, en Baralla

Ensancharase e mellorarase a vía ao longo de 4,5 km, dotándoa dunha plataforma ampliada a 7 metros, cun carril por sentido de 3 metros cada un

Actuarase puntualmente no trazado para incrementar a visibilidade e remodelarase a intersección coa N-VI, dispoñendo un carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022

A Xunta investirá máis de 2,6 millón de euros na execución das obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección coa N-VI ata o enlace coa A-6, no concello de Baralla. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta actuación.

O Consello da Xunta autorizou o pasado 21 de abril o decreto expropiatorio para impulsar esta intervención, que ten como obxectivo incrementar a seguridade viaria na contorna, para o que se propón o ensanche e mellora da estrada autonómica LU-710 entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,5 quilómetros.

Esta vía autonómica, unha vez acondicionada, contará cunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.

Ademais, mellorase puntualmente o trazado con variantes en alzado e en planta para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que incrementará a seguridade viaria.

Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.

Os traballos inclúen, ademais, a rehabilitación do firme e a implantación de paradas de bus.

Finalmente, incorpórase ao proxecto a achega presentada ao proxecto inicial, dun acceso solicitado desde a estrada LU-710.

A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, ao discorrer por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo semestre do ano.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/380HHI6.

Cómpre lembrar que a Xunta remitiu unha proposta de financiamento desta actuación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa Next Generation, pero foi rexeitada. Non obstante, a Xunta autoriza hoxe o inicio do procedemento expropiatorio, dado que está entre as súas prioridades a execución desta obra.

O Goberno galego segue mantendo a súa aposta continua pola vertebración territorial e o reforzo da competitividade da provincia de Lugo a través do impulso de novas infraestruturas viarias.