A Xunta colabora co porto de Vigo na remodelación da súa fachada marítima co novo paseo das Avenidas

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración da nova pasarela, da que destacou que permitirá comunicar o porto coa cidade e ofrecer unha boa imaxe aos turistas que chegan a Galicia neste Xacobeo a través deste peirao

Vigo, 3 de maio de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da colaboración co Porto do Vigo na remodelación do peirao co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible na fachada marítima viguesa “abrindo a cidade ao mar e achegando o mar á cidade”. Como exemplo destacou o novo Paseo das Avenidas que se inaugurou hoxe nun acto xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, e ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

A nova pasarela -destacou- será ademais a primeira imaxe que teñan da cidade e de Galicia os milleiros de turistas que están a acceder á comunidade a través deste porto neste Xacobeo, incluídos os pasaxeiros dos cruceiros que fan escala no porto vigués.

O Goberno galego colabora coa Autoridade Portuaria de Vigo na humanización e mellora da mobilidade na fachada marítima con dous proxectos cos que ofrecer un espazo para desfrute tanto de veciños como de visitantes. Por unha banda, cunha senda peonil e ciclista no tramo do Berbés entre A Laxe e a entrada ao porto pesqueiro enlazando co paseo rematado na Avenida de Beiramar e, por outra, a humanización desta avenida facilitando precisamente tamén ese tránsito de peóns e ciclistas.

Alfonso Rueda destacou que se prevé acadar as 50.000 compostelas no que vai de ano nos vindeiros días, superando así as cifras acadadas no 2019 nestas mesmas datas.

Imaxes relacionadas