Secundar a construción dun memorial aos galegos que traballaron na Canle e o apoio ás colectividades do exterior, eixos da viaxe de Emigración a Panamá e México

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo diversas reunións coas principais entidades galegas nestes dous países e asistiu á cea de gala organizada pola Fundación Nosa Terra, impulsora da posta en marcha da escultura que recordará aos 8.000 operarios galegos que a comezos do século XX colaboraron na construción da canle que une o Atlántico co Pacífico

A viaxe tamén permitiu manter encontros institucionais cos representantes do Estado español nestes dous países

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022

  O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, concluíu a súa primeira viaxe á Panamá e México dende o comezo da pandemia, que estivo centrado no apoio da Xunta á posta en marcha dun memorial en homenaxe aos galegos que traballaron na execución da Canle de Panamá, así como na visita á colectividade do exterior en ambos países.

 

Rodríguez Miranda mantivo distintas reunións de traballo coas principais entidades galegas destes dous países, nas que se buscaron estímulos para a recuperación das actividades coa colectividade, así como se lle trasladou tamén o labor que a Xunta de Galicia está a realizar de cara a favorecer o retorno dos galegos do exterior con políticas activas de axuda, formación e apoio ao emprendemento.

 

Deste xeito, aproveitou para pedir a colaboración das entidades na difusión das diferentes liñas de apoio ao retorno que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que xorden dun acompañamento integral que se inicia xa no propio país de orixe.

 

A viaxe tamén permitiu manter encontros institucionais cos representantes do Estado español, a quen lles trasladou a necesidade de seguir traballando na mesma liña de apoio á colectividade, reuníndose co embaixador de España en Panamá, así como co ministro consejero e o consejero laboral da Embaixada de España en México.

 

En Panamá, Antonio Rodríguez Miranda participou na cea de gala organizada pola Fundación Nosa Terra na que expresou o apoio da Xunta de Galicia á construción dun memorial que recorde aos máis de 8.000 galegos que traballaron a comezos do século XX na execución da Canle de Panamá que permite unir os océanos Atlántico e Pacífico. Tamén mantivo un encontro coa Sociedad Española de Beneficiencia de Panamá e coa Sociedad Española de La Chorrera, ambas entidades conformadas por un elevado número de galegos e que traballan a prol de manter viva entre a colectividade a nosa cultura e tradicións.

 

En México, o secretario xeral da Emigración participou na romaría da “Jira Campestre”, organizada polo Centro Gallego de México, que reuniu a miles de galegos e dos seus descendentes e familiares para celebrar a principal actividade de confraternización do colectividade galega neste país norteamericano.

 

Imaxes relacionadas