A Xunta apoiará con máis de 54.000 euros a dúas entidades de iniciativa social de Ferrol na atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a asociación Patronato Concepción Arenal beneficiaria dunha axuda de 40.000 euros

O apoio do Goberno autonómico permitirá sufragar os gastos de contratación de tres traballadores para o Programa de mediación Intercultural para mulleres

Ferrol, 3 de maio de 2022.- A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial  de Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, visitou esta mañá a asociación Patronato Concepción Arenal. Trátase dunha das dúas entidades ferrolás beneficiarias das axudas da Consellería de Emprego e Igualdade a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas destinados á atención das mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

 

Durante a visita, a presidenta da entidade, Beatriz Dorrio, deulles a coñecer o traballo que levan a cabo na asociación e, en especial, no Programa de mediación intercultural para mulleres Concepción Arenal, que foi o que recibiu a axuda de 40.000 euros -a contía máxima que se pode conceder a cada entidade- da consellería. Estes cartos se destinarán a financiar os gastos de contratación de tres traballadoras ou traballadores do programa, un a xornada completa e os outros dous a media xornada.

 

A delegada territorial da Xunta gabou o traballo que leva a cabo a entidade que, a través deste programa, presta servizos xurídicos, de xestión laboral, mediación inmobiliaria e social e de inmigración, entre outros, a mulleres vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas e exreclusas. “Ao abeiro desta convocatoria, fináncianse recursos específicos para mulleres de colectivos vulnerables e en situación de xestación ou lactancia con fillos ou fillas menores de tres anos, dirixidos a promover a súa autonomía económica e afectiva co fin de corrixir que unha situación desexable se converta nun factor de exclusión”, sinalou.

 

Este programa está orientado a beneficiar a medio centenar de mulleres, aínda que no cómputo global a entidade presta servizo actualmente a 650 familias, que de forma directa ou indirecta, vanse beneficiar tamén desta axuda.

 

Xunto á asociación Patronato Concepción Arenal, tamén recibiu unha axuda nesta convocatoria a asociación Síndrome de Down Teima Ferrol. No seu caso a contía acadou os 14.143 euros destinados ao programa Mulleres teimudas: apoio na etapa adulta ás mulleres con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.

 

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade inviste nesta liña de axudas 1,4 millóns de euros para apoiar a un total de 59 entidades en toda Galicia. Este programa permitiu desde 2009 e ata 2021, grazas a un orzamento de máis de 13,5 millóns de euros, o apoio ao ano de entre 3.500 e 4.000 mulleres de media.

Imaxes relacionadas