A réplica da maqueta do Plan Palacios exhíbese desde hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Vigo

A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, xunto co alumnado do IES Politécnico de Vigo e o seu director, Eulogio Leites, presentaron hoxe a peza que permanecerá na sede autonómica

A maqueta formou parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia con grande éxito entre o público, acadando as 10.000 visitas no Museo do Mar

Vigo, 3 de maio de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto co alumnado do IES Politécnico e o seu director, Eulogio Leites, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, presentou hoxe a maqueta do Plan Palacios para Vigo, que desde hoxe exhibirase de maneira permanente na Delegación Territorial de Vigo.

Segundo informou a representante autonómica, a peza que recrea o Gran Vigo do urbanista galego, elaborada polo alumnado do IES Politécnico, quedará instalada na planta baixa da sede autonómica “de maneira que poda ser contemplada por todo aquel que vaia a realizar xestións administrativas”.

Tal e como recordou Fernández-Tapias, a réplica do Plan Palacios para Vigo formaba parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, que permaneceu aberta o público ata o pasado mes de marzo con grande éxito entre o público. A mostra en homenaxe ao arquitecto porriñés pechaba as súas portas no Museo do Mar de Galicia tras recibir 10.000 visitas. Entre elas, destacou os máis de 1.000 escolares que participaron na programación especial deseñada para centros educativos e que acudiron a coñecela.

Na súa intervención, a representante autonómica sinalou que a partir deste martes, “a Delegación Territorial convértese en testemuña do Vigo soñado por Palacios, unha figura comprometida co progreso da sociedade da súa época e que soubo conxugar modernidade e tradición”. “O seu traslado a sede autonómica é unha mostra máis da gratitude permanente que temos con el”, incidiu.

Antonio Palacios

Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.

Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.

Imaxes relacionadas