A Xunta convoca 2,7 M€ en axudas de carácter extraordinario para autónomos e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola covid-19

O Diario Oficial de Galicia convoca hoxe unha nova liña de apoios coa que aspira chegar a 1.200 negocios afectados pola pandemia

As contías irán dos 1.000€ aos 12.000€ en función da facturación acreditada de 2019

Considéranse actividades especialmente paralizadas as que teñan detectado un descenso de facturación en 2021 respecto de 2019 de polo menos o 65%

No que vai de ano a Consellería de Emprego e Igualdade leva activadas axudas por máis de 23M€ para o colectivo dos autónomos

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2022

A Consellería de Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas para paliar as consecuencias que a covid-19 tivo en determinados sectores que viron paralizada a súa actividade en 2021. A nova orde está dotada con 2,7 millóns de euros  (financiados con fondos europeos) que se dirixirán a traballadores por conta propia e microempresas con actividades económicas especialmente paralizadas a causa da pandemia. A Xunta calcula que no marco desta nova convocatoria se acadarán os 1.200 apoios.

 

A nova orde inclúe, entre os seus principais requisitos, que as persoas traballadoras autónomas e microempresas desenvolvan actividades especialmente paralizadas pola crise sanitaria. Entenderanse como tales, aquelas que teñan detectado unha caída de facturación de polo menos o 65% no ano 2021 con respecto a 2019, quedando excluídas as actividades que contaron con axudas específicas de diferentes departamentos da Xunta como a hostalaría, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais coma orquestras, entre outras.

 

As axudas directas teñen como finalidade o mantemento da actividade económica e do emprego nas empresas que tiveron que parar por mor da pandemia. Para axudalas, prevense apoios de entre os 1.000 e os 12.000 euros, segundo os ingresos por facturación que as entidades solicitantes acrediten do ano 2019. A maior contía corresponderá ás firmas con facturación superior aos 30.000 euros en 2019 e a menor para facturación igual de entre 4.000 e 5.000 euros.

 

O prazo de solicitude permanecerá aberto desde este mércores, 4 de maio, ata o próximo 3 de xuño e as peticións deberán formalizarse a través da Sede Electrónica da Xunta.

 

O Goberno galego a través dos plans de rescate e outras axudas directas ás actividades e sectores económicos máis afectados xa realizou un investimento de máis de 613 millóns de euros. A Xunta estivo desde o principio da pandemia a carón dos autónomos e segue na actualidade intentando axudar a que estes negocios se manteñan, crezan e xeren emprego. Así, nos tres primeiros meses do ano, a Consellería de Emprego e Igualdade activou axudas por valor de 26 millóns de euros destinadas a este colectivo: para a promoción do emprego autónomo (12,5M€); para a consolidación e mellora da competitividade de negocios co Bono Autónomo (8M€); as axudas para a formación e a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador (1,35M€); ou o programa para a posta en marcha de pequenas empresas de nova creación ou empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (2M€).  

Imaxes relacionadas