A Xunta colabora na segunda edición do festival cultural ‘O que non se escribe’

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de presentación das accións propostas sobre o patrimonio sonoro e a creación contemporánea

O programa inclúe actividades de aprendizaxe e experimentación con música ao vivo, espazos de debate, divulgación, activismo cultural do 12 ao 15 de maio

Como novidade, nesta edición poderanse escoitar sete arquivos sonoros con música tradicional por diferentes puntos da cidade de Santiago a través de códigos QR
 

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación da segunda edición do festival O que se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea, unha cita que conta co apoio da Xunta de Galicia e que está dirixida por Aitana Cuétara, responsable de Luneda Produccións.

 

Durante o acto, que se desenvolveu no Concello de Santiago, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que esta é “unha nova oportunidade de acoller, agradecer e poñer en valor a cultura e a fala populares, as das persoas que preservaron e preservan a lingua propia de Galicia para as novas xeracións”.

 

Este programa propón distintas actividades de aprendizaxe e experimentación sobre o patrimonio sonoro galego do xoves 12 ao domingo 15 de maio. Porá o foco nos arquivos sonoros e a creación contemporánea a través dun programa que ofrece singulares propostas de música ao vivo, pero tamén espazos de debate, divulgación, activismo cultural e aprendizaxe.

 

Este ano, como novidade, poderanse escoitar sete arquivos recollidos da tradición oral de sete lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais. Esta intervención guía os participantes a través dun mapa, por diferentes puntos da cidade onde atopar tesouros sonoros en forma de fragmentos de música tradicional aos que se pode acceder a través de códigos QR. Toda a información poderase consultar no web do festival e as entradas estarán dispoñibles, para os concertos no Teatro Principal e na sede da SGAE, no web Compostela Cultura, mentres que para os concertos da Casa das Crechas, poderán adquirise a través de enterticket.

Imaxes relacionadas