A Xunta asumirá o 100% do custo do novo PXOM de Monterrei cunha achega de case 130.000 euros

Ángeles Vázquez anima ao rexedor a traballar para sumarse aos 113 municipios galegos que xa contan cun planeamento adaptado ao marco normativo urbanístico de referencia

 Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia destinará case 130.000 euros ao financiamento do novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Monterrei, unha contía que cubrirá o 100% do custo estimado de redacción.

 

Así consta no convenio asinado entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Luis Suárez, en virtude do cal se fixan os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións para sacar adiante o novo planeamento.

 

Deste xeito e despois de que o Consello da Xunta autorizara na súa última reunión a sinatura do convenio, o departamento autonómico compromete unha achega máxima de 129.504 euros en catro anualidades —2022, 2023, 2024 e 2025— que se farán efectivas a medida que o Concello acredite que supera as diferentes fases da tramitación do PXOM.

 

Polo tanto, o Goberno municipal xa está en disposición de dar o primeiro paso para poder empezar a traballar no documento, que se corresponde coa licitación do contrato de redacción correspondente.

 

Cómpre lembrar que o plan xeral de Monterrei, aprobado definitivamente no ano 2014, foi anulado por unha sentenza do Tribunal Supremo en decembro de 2016, unha decisión que fixo que o municipio ourensán volvera rexerse desde o punto de vista urbanístico polas normas subsidiarias de planeamento de 1989. Por este motivo, o Goberno local decidiu iniciar o procedemento para aprobar un novo plan xeral municipal, que ademais deberá adaptarse ao disposto na Lei do solo de Galicia.

 

Tras subliñar que a colaboración da Xunta co Concello no novo PXOM non só será económica senón que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo estará á súa disposición para resolver as dúbidas que xurdan durante toda a tramitación, Ángeles Vázquez animou ao alcalde de Monterrei a traballar con rigor e constancia para que o seu municipio se sume pronto aos 113 concellos galegos que xa contan cun planeamento propio e adaptado ao marco normativo urbanístico de referencia.

 

Neste sentido, a conselleira lembrou que as axudas ás entidades locais para redactar os seus plans xerais de ordenación municipal é unha das principais liñas de actuación da Xunta para avanzar cara ao obxectivo de “ningún concello sen PXOM”.

Imaxes relacionadas