A Xunta ve necesario que o Goberno central traballe da man do tecido empresarial e das autonomías para facer unha xestión útil dos fondos europeos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron esta mañá nunha xornada de AJE Galicia sobre fondos Next Generation e axudas para autónomos e pemes

A lentitude á hora de tramitar os fondos europeos, o centralismo e a falta de transparencia poñen en perigo a súa execución

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022 O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participaron esta mañá en Santiago de Compostela nun encontro organizado por AJE Galicia para avaliar os fondos Next Generation e as axudas para autónomos e pemes.

Na súa intervención, Conde asegurou que estes fondos son a vacina económica que pode axudar a saír de crise, pero incidiu en que para que o Goberno central realice unha xestión máis útil dos mesmos é necesario que traballe da man do tecido empresarial e das comunidades autónomas. Neste sentido, reiterou a petición dunha maior cogobernanza e lamentou o centralismo, a lentitude e a falta de transparencia presente na actual administración dos fondos e que pon en perigo a súa execución. E é que o tecido empresarial só está podendo optar a un de cada sete euros que leva anunciado o Goberno: “É necesaria unha maior axilización na xestión dos fondos que nestes momentos están bloqueados, xa que menos do 14 % dos máis dos 33.000 millóns de euros previstos están convocados”, asegurou en referencia aos nove Pertes aprobados.

Conde explicou que, mentres, Galicia traballou desde a colaboración público-privada para deseñar unha candidatura con proxectos que deran resposta ás demandas de Europa e destacou, entre eles, a biofábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei que Altri presentou a semana pasada. Unha iniciativa que implicará un investimento de 800 M€ e a creación de 2.500 empregos directos e indirectos.

Xunto con este proxecto, a Xunta presentou outras propostas ás convocatorias anunciadas polo Goberno que suman case 8.500 millóns de euros e abranguen 200 empresas e máis de 10.000 postos de traballo en eidos como a automoción, a saúde de vangarda, a agroalimentación, as enerxías renovables ou o naval e aeronáutico.

O vicepresidente económico en funcións rematou reiterando a súa petición ao Goberno central de escoitar ao tecido empresarial e ao ecosistema emprendedor xa que os fondos serán determinantes para a recuperación económica e a transformación a través da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización.

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, pola súa banda, destacou o acompañamento que a Xunta vén facendo desde o inicio da crise sanitaria ao tecido produtivo galego con axudas directas entregadas a pequenas empresas e autónomos por máis de 600 millóns de euros.

Ademais, a Consellería de Emprego e Igualdade está a apoiar este ano aos traballadores autónomos e ás empresas con programas de axudas xa coñecidos e algúns outros de nova creación, dos que a estas alturas do ano xa se teñen activados case 26 millóns de euros, especificou a representante da Xunta.

Entre outras medidas en marcha, segundo especificou Toca, destacan accións como o programa Galicia Emprega que, cun investimento de case 13 millóns de euros, ofrece apoios para a contratación, a transformación dos contratos temporais en indefinidos e incentivos ao incremento da xornada laboral. Outro dos programas (2 millóns de euros) que xa teñen a súa convocatoria aberta, ten por obxecto incentivar a posta en marcha de pequenas empresas e iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

O presente ano, ademais, seguiranse publicando novas convocatorias, como a relativa ás Unidades Formativas en Empresas, que mobilizará 14 millóns de euros entre o 2022 e 2023 e que financiarán unha formación adaptada impartida por empresas e con compromiso de contratación.

Imaxes relacionadas