Máis de 600 aspirantes participan nas probas físicas do proceso selectivo para cubrir 129 prazas de auxiliares de Policía Local nunha trintena de concellos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos convocados que realizan este primeiro exercicio do proceso selectivo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra

As persoas aptas nestas probas realizarán tamén ao longo deste mes de maio a de coñecementos e a de lingua galega

Unha vez rematados todos os exercicios, os seleccionados deberán superar un curso de formación na AGASP antes de incorporarse aos seus postos

Pontevedra, 2 de maio de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra aos máis de 600 aspirantes convocados ás probas de aptitude física no marco do proceso selectivo para o acceso a 129 prazas de postos de auxiliares de Policía Local de 32 concellos galegos.

 

Trátase da primeira proba da oposición e consiste nun exercicio de potencia de tren inferior mediante un salto vertical e outro de resistencia cunha carreira de 1.000 metros lisos. As persoas aptas deberán someterse á segunda proba de coñecementos cun cuestionario de 50 preguntas tipo test para amosar os seu dominio dos contidos do temario, así como á proba de coñecemento da lingua galega, agás os que están exentos da súa realización.

 

A previsión é ter rematadas todas as probas a finais de maio e, unha vez finalizado o proceso selectivo, os aspirantes aptos en todos os exercicios terán que realizar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para poder ser contratados como auxiliares nos seus destinos. Tamén será obrigatorio esta formación para as persoas incluídas na lista de reserva.

 

Deste xeito, cubriranse 129 postos nunha trintena de municipios da comunidade: A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Bergondo, Cabanas, Cedeira, Melide, Miño, Mugardos, Negreira, Noia, Ortigueira, Outes, Rianxo, e Sada, na provincia da Coruña; A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, Cangas, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, Nigrán, O Grove, Poio, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; xunto cos concellos ourensáns de O Barco de Valdeorras e O Carballiño.

 

Ademais deste proceso, a Xunta rematou xa as oposicións unificadas do corpo de Policía Local no marco da colaboración cos concellos e cubrir 70 prazas convocadas por 29 municipios. Os aspirantes que superaron o proceso xa forman parte da 14ª promoción de Policía Local da Academia na que están a recibir a formación teórica. Nos meses de verán realizarán prácticas nos seus concellos e regresarán en outubro á AGASP para rematar a parte teórica.

Imaxes relacionadas