Luis López anuncia que a Xunta executará ou activará 10,1 M€ en investimentos ao longo deste ano no concello de Marín

O delegado territorial presidiu esta mañá a sesión mensual da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, celebrada no Museo Municipal Manuel Torres ao abeiro do seu percorrido itinerante pola provincia, que xa a levou por Oia, Covelo, O Grove, Campo Lameiro e Lalín

“Marín é un dos concellos máis importantes de Galicia e da nosa provincia, que ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna do litoral, e por iso a Xunta aposta de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos que amosan o noso compromiso e colaboración co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico

Marín, 2 de maio de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 10,1 millóns de euros ao longo deste ano no Concello de Marín, segundo se analizou na sesión mensual de maio da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada na vila morracense.

“Marín é un dos concellos máis importantes de Galicia e da nosa provincia e ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna do litoral, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico.

O delegado territorial, acompañado pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido no Museo Municipal Manuel Torres pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, e por outros representantes municipais e agradeceu a acollida e a cesión destas instalacións para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.

No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro e Lalín e chegaron por vez primeira á bisbarra do Morrazo.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19 tras o levantamento das restricións, o remate do curso académico e os preparativos do vindeiro, os aspectos turísticos xerais e vencellados ao Xacobeo, as medidas iniciais en materia de prevención de lumes forestais ante a inminente chegada do verán, as distintas ordes de axuda da Xunta que están en vigor ou os niveis de emprego no primeiro cuatrimestre do ano, entre outras.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 10,1 millóns de euros para o Concello de Marín, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

No caso da localidade marinense, os investimentos 2022 previstos ata a data polo executivo autonómico, xa que poderían medrar nos oito meses que restan de ano, pasan polo saneamento do río Lameira, con 3,6 millóns de euros; a creación da senda peonil entre Pardavila e Cadro, con 611.000 euros; o convenio para a construción do auditorio, ao que se lle reportarán 2 millóns de euros; a rehabilitación integral do CEIP Sequelo, con 883.000 euros; o plan turístico cos Fondos Next Generation, dotado con 1,5 millóns de euros; a remodelación da residencia da terceira idade, que suporá 1 millón de euros; ou a preparación do centro de día, xa en obras, cunha achega de 200.000 euros.

Así mesmo, tamén están en marcha ou previstas outras actuacións menores, como a redacción do proxecto para o bombeo de augas residuais de Mogor, con 92.000 euros; a restauración da igrexa vella, con 72.000 euros; o Plan Marco de mellora de camiños, con 46.000 euros; ou a reforma do porto de Aguete, con 175.000 euros. Paralelamente, tamén haberá un importante investimento turístico co espectáculo musical Xacobeas, na véspera do Día do Carme, coas actuacións de Mel C, Ana Mena, Tanxugueiras, Edurne e La Mala Rodríguez.

Imaxes relacionadas