A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asinou a acta de cesión xunto a concelleira de Urbanismo, María José Caride

A Xunta cede cinco vivendas e dous locais ao concello de Vigo nos ámbitos de Cambeses e Chantada

Estes inmobles súmanse ás 51 vivendas de promoción pública entregadas pola Administración autonómica entre decembro do 2021 e febreiro do 2022

Recorda que este ano se iniciará a construción de 217 pisos en San Paio de Navia e que o Consorcio Casco Vello de Vigo rehabilitou 117 vivendas, desde a súa creación

Vigo, 2 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia fixo efectiva esta mañá a cesión de cinco vivendas de promoción pública e dous locais construídos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ao Concello de Vigo.

 

Así o informou hoxe a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, encargada de asinar a acta de cesión destes inmobles nos ámbitos de Cambeses e Chantada, na sinatura pública ante notario á que acudiu a concelleira de Urbanismo, María José Caride, en representación do Concello de Vigo.

 

Este inmobles súmanse ás 51 vivendas de promoción pública entregadas pola Administración autonómica entre decembro de 2021 —25 de aluguer en Cambeses— e febreiro do 2022 —19 de aluguer en Chantada—. Fernández-Tapias referendou así o compromiso do Executivo autonómico de “continuar facendo cidade”, posto que estas dúas promocións, con 62 pisos en conxunto, non son a única iniciativa de vivenda pública posta en marcha pola Xunta na cidade.

 

A representante do Goberno galego incidiu na intensa labor de rehabilitación do Consorcio Casco Vello, que desde a súa creación permitiu a adquisición de 82 inmobles e a posta a disposición dos vigueses e viguesas de 117 vivendas de promoción pública.

 

A este respecto, tras apuntar á importancia da colaboración entre administracións en beneficio dos cidadáns, “máxime na cidade galega coa maior demanda de vivendas pública”, aproveitou para solicitar ao Goberno local “maior proactividade” activando os mecanismos urbanísticos que permitirían ao Consorcio Casco Vello de Vigo intensificar a adquisición de inmobles.

 

San Paio de Navia

Asemade, recordou que se está a traballar na ampliación de San Paio de Navia, o proxecto máis ambicioso da Xunta en materia de vivenda, no que se proxectan 1.600 novas vivendas protexidas, cun investimento de 250 millóns de euros.

 

Na actualidade, o IGVS está a valorar as 15 ofertas recibidas para a contratación do servizo de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de 79 vivendas de promoción pública, garaxes, rochos e locais na ampliación de San Paio de Navia, en Vigo. A previsión é adxudicar os servizos antes deste verán.

 

Fernández-Tapias salientou que este mesmo mes tamén se licitarán os proxectos e dirección de obra das restantes 128 vivendas de promoción pública —divididas en 4 edificios— correspondentes ao polígono 1, por un importe de 1,2 millóns de euros.

 

É dicir, tendo en conta as obras e outros aspectos -como a dirección da execución e o control de seguridade-, o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé investir 28,7 millóns de euros na construción das citadas 207 VPP da primeira fase de Navia.

 

Tamén fixo referencia Fernández-Tapias aos os máis de 18 millóns de euros investidos nas últimas dúas décadas nas oito áreas de rehabilitación integral de Vigo: no Casco Vello, Bouzas, Cabral, Coia, Espiñeiro-Teis, Beiramar, San Roque e San Pablo.

Imaxes relacionadas