O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións participa na inauguración da Feira do Libro de Santiago da que a Xunta é o principal patrocinador

Román Rodríguez agradece aos libreiros o seu labor por promover os hábitos lectores entre os galegos

Salienta que Galicia é a comunidade con máis librarías por habitante e refírese á capacidade do circuíto de feiras do libro como escaparate do sector editorial

“Conectan de xeito especial co conxunto da sociedade desde o corazón das cidades e contribúen á vitalidade do sector”, expresa o titular de Cultura en funcións da Xunta

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Santiago onde agradeceu ao gremio dos libreiros a súa contribución para que en Galicia haxa cada vez máis lectores. Recordou que a galega é a comunidade con máis librerías por habitante e salientou o traballo dos profesionais por contribuír á vitalidade do sector.

“Os libreiros conectan dun xeito especial co conxunto da sociedade, desde os grandes afeccionados que acoden a mercar as últimas novidades aos lectores esporádicos que empregan as feiras para retomar o hábito atendendo algunha recomendación”, expresou. Román Rodríguez referiuse tamén ao sector do libro que que hoxe en día “olla o futuro con optimismo”, indicou. E fixo mención ao último Barómetro do Consello da Cultura Galega que recolle que case a metade das empresas vencelladas ao tecido cultural galego incrementaron en 2021 a súa facturación e que a meirande parte agardan superar neste ano ao anterior en termos de ingresos.

“Desde a Xunta seguiremos acompañando e apoiando a nosa cultura e nomeadamente ao sector do libro, escoitando ao sector e impulsando iniciativas que permitan dinamizar a actividade e fomentando o hábito lector como a campaña que temos en marcha durante todo o ano para divulgar os beneficios da lectura entre todos os públicos”, engadiu.

Ata o 8 de maio

A Feira do Libro de Santiago é unha das 13 do circuíto de feiras do libro que celebra a Federación de Libreiros de Galicia co patrocinio da Xunta. O apoio a estas feiras enmárcase no compromiso e o apoio do Goberno galego ao sector a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que acadan os 1,6 M€. Ademais, estanse a retomar a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires, na que Galicia está a participar estes días, ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

Na Alameda

A Feira do Libro de Santiago sitúase no paseo central da Alameda ata o 8 de maio e intégrana unha decena de librarías e editoriais. Participarán 75 autores que prevén 55 sinaturas nas distintas casetas. Haberá presentacións, debates literarios e encontros, así como actividades infantís.

 

Tras Santiago (segunda parada do circuíto despois de Ferrol), a feira trasladarase a en Lugo (do 17 ao 22 de maio) e O Porriño (do 26 ao 29 de maio). Posteriormente engadiranse paradas en Vilalba (do 3 ao 5 de xuño), Ourense (do 8 ao 11 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto das letras chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).

Imaxes relacionadas