Fabiola García dá a benvida ás mozas e mozos que están a realizar as súas prácticas laborais na Consellería de Política Social

Preto de 50 persoas desfrutarán durante un ano dunha bolsa de emprego neste departamento da Xunta

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2022

A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, deu a benvida ás preto de 50 mozas e mozos que están a desfrutar dunha bolsa de emprego no departamento da Xunta que dirixe. Forman parte das 850 persoas que están a realizar unha estadía de prácticas nalgunha das áreas da Administración autonómica ou da Universidade.

 

Fabiola García puxo en valor o papel da Administración na atención ás persoas que buscan axuda aos seus problemas. Así, subliñou que na Consellería de Política Social aténdese a milleiros de galegas e galegos que, por distintas casuísticas, poden estar en situación de vulnerabilidade.

 

Neste sentido, a conselleira en funcións explicou ao novo persoal en prácticas que se trata dunha área transversal que ten un contacto moi directo co cidadán e que atende aos aspectos máis sensibles do día a día. Así mesmo, desexoulles que esta experiencia lles axude a medrar como persoas, como profesionais e como cidadáns.

 

Os perfís das mozas a mozos que estarán de prácticas na Consellería de Política Social é moi diverso, con graduados en Dereito, Arquitectura, Traballo Social, Maxisterio, Farmacia ou Económicas, así como graduados en ciclos superiores.

Imaxes relacionadas