A Xunta realiza traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande ao seu paso polos concellos de Carballo e de Coristanco
Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude de máis de 5 km
Os traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións
As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle
A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Grande, ao seu paso polos concellos de Carballo e de Coristanco.
Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.
Os treitos nos que se están levando a cabo estas tarefas suman unha lonxitude de máis de 5 km. As intervencións céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.
O departamento que preside Ethel Vázquez, mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.