Trenor felicita ao colexio Franciscanas polos seus 25 anos ao servizo dos coruñeses

O delegado da Xunta na Coruña participou esta mañá nos actos de celebración do aniversario deste centro educativo da cidade da Coruña

A Coruña, 30 de abril de 2022.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no acto de celebración do 125 aniversario do colexio concertado Sagrado Corazón Franciscanas. Na súa intervención felicitou a toda a súa comunidade educativa pola súa capacidade de superación constante e subliñou que “A Coruña creza en entidades centenarias é un síntoma de que é unha cidade consolidada, con soleira, rica en tradicións e respectuosa co seu tecido social”.

 Trenor lembrou as orixes deste centro educativo destacando que “o día de San Fermín de 1897 abría as súas portas o colexio das Franciscanas Misioneiras da Nai do Divino Pastor. Segundo contan as crónicas, as por aquel entón 1.400 traballadoras na súa inmensa maioría mulleres da Fábrica de Tabacos- necesitaban con urxencia un centro educativo no que educar aos seus fillos mentres elas traballaban nunha das industrias máis potentes da cidade e atoparon nas Franciscanas as aliadas que necesitan”.
 O delegado da Xunta subliñou que 125 anos despois o proxecto educativo das Franciscanas segue máis vivo ca nunca baseado na súa calidade, na atención personalizada e na experiencia dos seus equipos docentes. “O esforzo persoal, o traballo constante, a disciplina e a responsabilidade son os valores que se fomentan para lograr o éxito educativo, persoal e académico”, recalcou
 O representante do Goberno galego reiterou a vontade da Xunta de respectar a liberdade para que sexan os pais os que escollan a contorna en que queren que os seus pequenos se formen. “Cremos na convivencia do ensino público e a concertada como cremos na cooperación dos sectores públicos cos privados”, subliñou.

Imaxes relacionadas