A Xunta mellora desde o martes os servizos de autobús entre Mazaricos e Noia coa ampliación ata A Picota dunha das liñas

A prolongación do itinerario entre O Pino de Val e A Picota facilita, principalmente, os desprazamentos dos estudantes de Mazaricos ata os institutos de Noia

A liña que se amplía ofrecerá dous servizos ao día de luns a venres en época lectiva, con horarios que permiten o seu uso para asistir ás clases

Os horarios axústanse ao incremento de 6 minutos na duración da viaxe co fin de manter as horas de chegada e de saída de Noia
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022.- A Xunta mellorará desde o vindeiro martes, día 3 de maio, os servizos de autobús entre Mazaricos e Noia, coa ampliación ata A Picota dunha das liñas que conectan os dous concellos.

 

Ata o momento, os usuarios dispoñían de servizos con cabeceira nos lugares do Pino de Val ou Suevos. Con esta mellora no servizo que será efectiva desde o martes, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende a solicitude trasladada polo Concello de Mazaricos.

 

A prolongación ata o núcleo da Picota da liña entre O Pino de Val, A Vila do Monte e Noia facilitará, principalmente, os desprazamentos dos estudantes de Mazaricos ata os institutos noieses.

 

A liña que se amplía ofrecerá dous servizos ao día de luns a venres en época lectiva, con horarios que permiten o seu uso para asistir ás clases.

 

Para manter a hora habitual de paso polo Pino de Val e a chegada a Noia, a expedición de ida axusta o seu horario ao incremento de 6 minutos na duración da viaxe, polo que pasará a ter a súa saída ás 07,44 horas desde A Picota. Os servizos de volta desde Noia manteñen as súas horas de saída ás 18,35 horas os luns e ás 14,50 horas de martes a venres.

 

Estas melloras enmárcanse no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.

 

A información relativa aos reforzos e cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.