A Xunta destaca o papel de Ourense Centro na dinamización do sector comercial da cidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu á Shopping Night organizada por este centro comercial aberto

Ourense, 29 de abril de 2022

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou este serán o papel do centro comercial aberto (CCA) Ourense Centro na dinamización do comercio da cidade, contribuíndo á dinamización do sector e á prestación de servizos de calidade aos consumidores.

 

Heredia asistiu á apertura da Shopping Night #NoiteDeTendas, na que os establecementos participantes, ademais de abrir ata as 24 horas, están decorados para a ocasión e contan con diferentes actividades, como degustacións e música, ademais de sorteos de agasallos.

 

A Xunta de Galicia mantén unha liña constante de colaboración cos centros comerciais abertos como pezas clave para a competitividade dos comercios de proximidade nas vilas e cidades galegas e na transformación dixital e sostible do sector.

 

Este ano activarase de novo un programa de axudas por 2,25 millóns de euros para apoiar as accións que este tipo de entidades realizan ao longo de todo o ano, unha liña que será por primeira vez exclusiva para os centros comerciais abertos, o que permitirá que estes teñan arredor dun 20% máis de orzamento ao seu dispor.