Vigo Porté converte á cidade na capital internacional da danza da man da Xunta e o Xacobeo 21-22

A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, participa na inauguración do Trofeo de Baile Internacional Xacobeo 21-22, que celebra o seu décimo aniversario no Auditorio Mar de Vigo

“Hoxe subímonos de novo a este escenario coa garantía de que Vigo non perderá a súa condición como un dos referentes europeos de maior prestixio no mundo do baile”, sinala

Máis de 1.000 bailaríns participarán estes tres días nas categorías de mini, infantil, júnior e absoluta e nas disciplinas de Clásico, Folclore, Lírica, Urbana, Musicais & BSO e Fusión

Vigo, 29 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este venres na inauguración do Vigo Porté-Trofeo de Baile Internacional Xacobeo 21-22 no Auditorio Mar de Vigo. O certame celebra nesta edición os seus dez anos de historia e faino da man da Xunta de Galicia e coa colaboración do Xacobeo por segundo ano consecutivo.

 

A representante autonómica sinalou que, por segundo ano consecutivo, “reforzamos a nosa aposta por Vigo cun evento que sitúa á nosa cidade no mapa da danza a nivel internacional”. “Hoxe subímonos de novo a este escenario coa garantía de que Vigo non perderá a súa condición como un dos referentes europeos de maior prestixio no mundo do baile”, incidiu, para felicitar a Vigo Porté polo seu décimo aniversario e adquirir o compromiso de “continuar camiñando xuntos máis aló de 2022”.

 

Un total de 1.000 bailaríns participarán nun evento que terá lugar desde mañá e ata o vindeiro domingo e competirán nas catro categorías en liza: mini, infantil, júnior e absoluta, nas disciplinas de Clásico, Folclore, Lírica, Urbana, Musicais & BSO e Fusión.

 

Lorena López, directora do evento, sinalou que “Vigo converterase na capital da danza. Durante o próximos tres días pasarán por este auditorio máis de mil bailaríns de 31 escolas de danza que defenderán 250 coreografías. Estamos inmensamente felices de poder volver reunirnos na nosa casa”. Pola súa banda, Javier Castillo “Poty”, presentador e presidente do xurado, apuntou que “desde que descubrín Vigo Porté nunca faltei a unha cita. Vigo debe estar moi orgulloso de ter un evento tan espectacular, o evento de danza máis importante de Europa e que comeza hoxe coincidindo co Día Internacional da Danza. Por outros dez anos máis de Vigo Porté polo menos”.

 

Hoxe venres terá lugar a celebración Trofeo de Baile Internacional Xacobeo 21-22 na categoría infantil, sendo mañá a quenda dos que compiten en mini. O domingo subirase ao escenario a  categoría absoluta para celebrar, a partir das 20,00 horas a gala de peche do Vigo Porté 2022, onde volverán a representarse as coreografías gañadoras e entregarase o premio á mellor coreografía de todo o trofeo.

 

A gala será clausurada coa esperada actuación de Tanxugueiras. O broche de ouro correrá a cargo de Broken Peach e a sesión do DJ Rodri Veigas, entre outras sorpresas que se esperan para a celebración destes dez anos de historia do evento internacional de baile.

Imaxes relacionadas