A Aceleradora de proxectos turísticos celebra unha xornada de networking coas empresas tractoras

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na última cita de PreAcademia antes do Demo Day no que se decidirán as 10 propostas que acceden á fase final do programa de aceleración

Na xornada déronse cita 26 firmas relacionadas co turismo, a enogastronomía e as TIC para apoiar así a iniciativa do Goberno galego

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

A Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia celebrou hoxe unha xornada de networking entre as 15 startups participantes nesta 2ª edición e representantes das 26 empresas tractoras que participan nesta iniciativa estratéxica do Goberno galego pertencentes a distintas áreas e sectores, agrupándose sobre todo en empresas TIC, turísticas e da enogastronomía, así como fondos de investimento.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de inaugurar este encontro no que os promotores presentaron ante o tecido empresarial e de investimento o contido e obxectivos dos distintos proxectos. Despois desta rolda inicial, realizáronse encontros directos entre startups e empresas, no que, máis polo miúdo, puideron explicar os seus modelos de negocio e as previsións unha vez remate o proceso de aceleración no que están inmersos.

Escolla de 10 proxectos a acelerar

Esta xornada é a última gran cita da fase de PreAcademia. O próximo venres 6 de maio celebrarase o Demo Day eliminatorio, onde as startups terán que presentar a maduración dos seus proxectos tras un mes de formación multidisciplinar ante un xurado conformado por expertos de distintas áreas e representantes institucionais.

O resultado do veredicto dese comité avaliador determinará que 10 proxectos acceden á fase da Academia, o núcleo formativo central da Aceleradora.

Imaxes relacionadas