A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou a iniciativa e deu a benvida aos participantes

A Xunta pon en marcha o encontro anual de correspondentes xuvenís de formación profesional

Á cita acudiron 40 mozas e mozos, que contaron con sesións formativas do eido da comunicación e información xuvenil, así como actividades lúdicas

Bergondo (A Coruña), 29 de abril de 2022.- A Xunta organiza esta fin de semana no Albergue xuvenil de Gandarío o Encontro de correspondentes xuvenís de formación profesional. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, inaugurou a cita á que acudiron 40 mozas e mozos e que conta con sesións formativas do eido da comunicación e información xuvenil, así como actividades lúdicas.

 

En concreto, os participantes son alumnos e alumnas dos centros que seguen: CIFP Portovello (Ourense), CIFP A Granxa (Ponteareas), IES Primeiro de Marzo (Baiona) e IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela). Esta xuntanza tamén xirou arredor da conmemoración do Día europeo da información xuvenil, que tivo lugar o pasado 17 de abril.

 

A Consellería de Política Social desenvolve cada ano o programa Correspondentes xuvenís no ámbito do ensino secundario. Neste curso 2021/22 son 500 os rapaces e rapazas participantes, dos cales 190 cursan Formación Profesional.

 

O obxectivo desta iniciativa é minguar a distancia entre a xuventude e a Administración. Para conseguilo, os estudantes participantes han de funcionar como antenas informativas nos seus centros de ensino, de xeito que difundan a información de interese xuvenil entre os seus compañeiros e amizades. Os participantes están guiados polo profesorado colaborador do seu centro. Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recoñece este labor docente a través do Plan Proxecta.

Imaxes relacionadas