A Xunta entrega un remolque de emerxencias á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carnota

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou aos efectivos desta agrupación á que a Xunta apoiou nos últimos anos con máis de 80.400 euros nos seus gastos de funcionamento e en material de emerxencias cedido

O investimento da Administración autonómica nas AVPC da comunidade acada os 18M€, dos que 14M€ se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 4M€ restantes aos seus custos de mantemento

O Goberno galego achegou 1M€ á orde de axudas do ano pasado destinada a material, que permitiu a adquisición de 6 remolques como o entregado hoxe en Carnota, xunto con 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve

Carnota (A Coruña), 29 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou esta mañá aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Carnota á que fixo entrega ademais dun remolque de emerxencias co que reforzar o seu equipamento.

Este remolque súmase a outro material cedido á agrupación nos últimos anos como un vehículo tipo pick-up, unha embarcación e un traxe de protección fronte á vespa velutina velutina, o que supuxo un investimento de máis e 65.800 euros. A esta contía súmanse outros 14.500 euros en apoio aos seus gastos de funcionamento, polo que a inversión total da Xunta co obxectivo de manter a actividade da agrupación carnotá supera os 80.400 euros.

O remolque entregado hoxe é un dos 6 que forman parte da orde de axudas do ano pasado dotada con 1 millón de euros e destinada a material para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Ademais dos remolques de emerxencias, entre o material cedido ás agrupacións inclúense tamén 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas de retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas.

O investimento da Administración autonómica nas AVPC da comunidade acada os 18 millóns de euros, dos que 14 millóns se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 4 millóns restantes aos seus custos de mantemento. Nesta liña, a Xunta destina este ano 340.000 euros á liña de axudas para sufragar os gastos das agrupacións de concellos de menos de 5.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

Santiago Villanueva destacou o importante esforzo da Xunta na dotación aos servizos de emerxencias do material necesario co que levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións. En conxunto, máis de 21 millóns de euros, entre os 14 millóns en material destinado ás AVPC e os máis de 7 millóns para reforzar o equipamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Tamén puxo en valor o traballo desinteresado e altruísta dos voluntarios das AVPC co obxectivo de velar pola seguridade da veciñanza e a importante colaboración que prestan aos servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como na atención ás incidencias.

Imaxes relacionadas