A Xunta constitúe os grupos de traballo que elaborarán o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026

Un dos grupos abordará a prevención, outro a asistencia e un terceiro, a incorporación social

Para a elaboración do Plan, o Executivo galego porá en marcha un proceso de carácter consultivo-participativo entre os concellos e entidades sociais, e outro entre a poboación beneficiaria dos programas de tratamento

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

A Consellería de Sanidade vén de constituír os grupos de traballo que procederán a elaborar o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026. A sesión constitutiva estivo presidida pola directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, e polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e na mesma, logo de constituirse formalmente os grupos, procedeuse a explicar os cometidos e o funcionamento dos mesmos.

Os grupos de traballo do Plan os integran tanto persoal da Xunta de Galicia con responsabilidades na xestión de servizos vinculados directa ou indirectamente coas condutas adictivas, como profesionais técnicos de concellos e entidades sociais que traballan no campo das adiccións, da prevención, da asistencia e a incorporación social. Entre as súas funcións está a realización de propostas de contidos e a formulación de obxectivos, identificacións de accións e selección de indicadores e instrumentos de avaliación.

Para a elaboración do Plan, o Executivo galego creou tres grupos de traballo, un para o ámbito da prevención, outro para a asistencia sanitaria e un terceiro para a incorporación social. O grupo de traballo de prevención contará coa presenza dun representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, mentres que o grupo de incorporación social terá un representante da Consellería de Política Social.

Ao longo do proceso, solicitarase tamén información de expertos autonómicos nos diferentes temas que se abordarán, especialmente no ámbito das adiccións en menores. 

As conclusións e documentos xerados por cada un destes grupos poranse en común cun grupo de coordinación do Plan, que estará formado por representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

A función primordial do grupo de coordinación será a de adoptar decisións de carácter técnico respecto aos procesos e procedementos que deben ser adoptados para completar o deseño do Plan de Trastornos Adictivos de Galicia 2023-2026. Así, establecerá os procesos clave a implementar, definirá a metodoloxía de traballo e supervisará a elaboración.

Consulta cos concellos e entre a poboación beneficiaria do Plan

No marco da elaboración deste novo Plan de trastornos adictivos de Galicia para o período 2023-2026, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha un proceso de carácter consultivo-participativo entre os concellos e as organizacións sociais que colaboran no actual Plan de trastornos adictivos, para coñecer a súa posición respecto ás prioridades existentes no campo das adiccións e os obxectivos e medidas propostas para afrontar as mesmas. A tal efecto, remitirase un cuestionario a todos os concellos e entidades que xestionan algún dispositivo asistencial ou que desenvolven programas de prevención e/ou incorporación social.

Ademais, a Xunta tamén vai poñer en marcha outro proceso de carácter consultivo-participativo entre a poboación beneficiaria dos programas de tratamento de adiccións impulsados polo Executivo galego, co obxecto de identificar as necesidades percibidas e coñecer as medidas propostas para a súa incorporación ao futuro Plan de trastornos adictivos. Para este proceso, tamén se empregará o deseño dun cuestionario dirixido ás persoas beneficiarias dos anteditos programas.

Imaxes relacionadas