O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no ‘Foro Señorío de Molina: corazón de la despoblación’, organizado por Next Educación

A Xunta subliña que as Comunidades Autónomas deben seguir tendo voz ante os desafíos do despoboamento en España

No 2021 aprobáronse as dúas primeiras leis autonómicas, en xaneiro a de Galicia e en maio a de Castela-A Mancha, destinadas a blindar medidas que axuden a reverter os seus efectos

O Goberno galego salientou o éxito de iniciativas como as casas niño e as casas do maior, a gratuidade nas escolas infantís, as axudas para o retorno de poboación e programas innovadores como Coidados porta a porta ou Xantar na casa

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, subliñou hoxe no Foro Señorío de Molina: corazón de la despoblación que as Comunidades Autónomas deben seguir tendo voz ante os desafíos do despoboamento en España, pois foron as responsables de situar o reto demográfico como unha prioridade nas políticas públicas.

 

Proba diso é que no 2021 dúas Comunidades Autónomas aprobaron senllas leis autonómicas destinadas a blindar medidas que axudan a reverter os seus efectos. Primeiro, a Lei de impulso demográfico de Galicia, un texto pioneiro a nivel nacional; e despois a Ley de medidas económicas, sociales y tributarias frente a la despoblación y para el desarrollo del medio rural de Castela-A Mancha.

 

O director xeral explicou que estes marcos normativos tratan o reto demográfico desde a transversalidade, con medidas para o retorno de poboación, para o envellecemento activo e os coidados, para a creación de oportunidades para a xuventude e, por suposto, para incrementar o apoio ás familias e facilitar a conciliación.

 

Medidas nos diferentes eidos

Ademais, Jacobo Rey puxo en valor as medidas que Galicia impulsou nos últimos anos para revitalizar as zonas menos poboadas do rural. Así, explicou o éxito das casas niño e das casas do maior, que crearon 180 postos de traballo e 900 prazas de atención a pequenos e a maiores nos últimos anos.

 

A Comunidade galega tamén destacou no avance da universalización da educación infantil de 0 a 3 anos para todas as familias. En 2020 Galicia foi a primeira en ofrecer a educación infantil de xeito 100% gratuíto para segundos fillos e seguintes en todas as escolas do territorio galego e, a partir do vindeiro curso, volverá converterse en pioneira ao ampliar a gratuidade tamén aos primeiros fillos, o que estenderá esta medida a todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos. Neste sentido, o director xeral instou ao Goberno central a implicarse nesta tarefa.

 

Así mesmo, explicou que a Administración autonómica impulsa medidas para o retorno de poboación e tamén para as persoas maiores. Para impulsar a volta dos galegos que residen no exterior a Xunta puxo en marcha axudas para retornados emprendedores, bolsas de formación ou a flexibilización de requisitos para obter a Tarxeta Benvida.

 

Con respecto ás medidas para os maiores, Jacobo Rey subliñou, entre outros, os programas pioneiros que permiten ofrecer igualdade de oportunidades ás persoas que viven no rural e nas zonas urbanas, como o autobús de Coidados Porta a Porta ou o programa Xantar na casa.

Imaxes relacionadas