A Xunta convoca as axudas á distribución e promoción exterior da música e as artes escénicas galegas

Mantense a súa dotación de 460.000 euros, distribuídos ao 50% entre ambas as modalidades

A través desta liña de subvencións, o ano pasado contribuíuse ao desenvolvemento de máis de 500 actuacións de formacións artísticas de Galicia en diferentes escenarios e festivais do resto de España, así como doutros nove países
 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a súa convocatoria anual de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, que manteñen a dotación de 460.000 euros co obxectivo de contribuír a unha maior proxección exterior da música e das artes escénicas galegas. Este investimento distribúese a partes iguais entre ambos os sectores para apoiar accións que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022.

 

Os destinatarios desta liña de apoio son tanto os profesionais autónomos como as empresas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos escénicos ou musicais, segundo a modalidade á que opten. A través das dúas categorías apoiaranse actuacións en escenarios, feiras e festivais fóra de Galicia, así como a asistencia a mercados sectoriais que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. Ademais, no caso das artes escénicas establécese unha cuarta opción destinada á circulación de espectáculos no territorio galego.

 

A convocatoria, xestionada a través da Axencia Galega das Industrias Culturais en réxime de concorrencia non competitiva e concesión automática, establece que cada empresa ou formación artística poderá beneficiarse de ata 25.000 euros tanto no caso das artes escénicas como no da música. O prazo de solicitude estenderase ata o 30 de maio ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

 

Difusión internacional da cultura galega

A través desta iniciativa, a Xunta contribúe a impulsar a distribución e comercialización dos produtos culturais galegos dentro e fóra da nosa Comunidade, ao tempo que se fomenta a captación de públicos e se facilita o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais. Con tal fin, cofináncianse os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior difusión das formacións artísticas que representan.

 

Así, o ano pasado apoiouse a presenza das artes escénicas e da música de Galicia no resto de España e doutros nove países mediante axudas a 65 compañías culturais para o desenvolvemento de máis de 500 representacións, concertos e accións de difusión en Alemaña, Bulgaria, Costa Rica, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Reino Unido, ademais de en numerosas cidades españolas. Tamén se impulsaron 44 funcións correspondentes a xiras escénicas dentro de Galicia.

Imaxes relacionadas