A Xunta destina máis de 70.000 euros para actividades de información e apoio aos familiares e coidadores de enfermos de alzhéimer

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta de Fagal, María Isabel Gey Pérez, asinaron un convenio que contempla actividades de información e apoio aos familiares e coidadores, así como formación continuada dos profesionais que traballan coas asociacións

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta da Federación de asociacións galegas de familiares de enfermos de alzhéimer (Fagal), María Isabel Gey Pérez, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha serie de actividades de información e apoio aos familiares e coidadores destes doentes. Para levar a cabo estas iniciativas, o Servizo Galego de Saúde destinará un total de 72.770 euros.

Entre os obxectivos do convenio están a formación continuada dos profesionais que traballan ou colaboran coas asociacións, así como o deseño e desenvolvemento coas asociacións federadas de programas de formación e coidados das persoas coidadoras. Tamén se contemplan no documento asinado tarefas de sensibilización social, información, orientación e asesoramento a familiares e persoas coidadoras; o deseño e desenvolvemento conxunto coas asociacións federadas de programas psicoeducativos; e a difusión de cuestións relacionadas coa atención das persoas con esta doencia, así como das que se encargan dos seus coidados.

O avellentamento da poboación, implica un aumento dos problemas dexenerativos, e entre eles, está a enfermidade de alzhéimer.

Estas persoas con frecuencia viven coa súa familia, tendo moitas veces que resolver problemas que entrañan unha gran dificultade. Isto xenera situacións de inquietude para os familiares, que necesitan dun apoio multidisciplinar. No ámbito da nosa Comunidade, o modelo de atención na saúde mental dá prioridade á atención e á integración social da persoa enferma, debéndose levar a cabo programas de achegamento á poboación xeral, e en especial, de non discriminación deste colectivo. Tanto a Consellería de Sanidade como Fagal consideran de particular importancia establecer accións conxuntas para mellorar a calidade de vida destas persoas e dos seus familiares no seu domicilio, promovendo a divulgación da enfermidade e dando a coñecer a importancia real que ten o alzhéimer.

Imaxes relacionadas